martes, 26 de abril de 2011

Xuntos e Máis Nada

Anna Gavalda

Galaxia (2006)

París exactamente ao pé da Torre Eiffel. Alí decorre a historia que conta "Xuntos e máis nada". A historia de catro persoas que pouco teñen en común, catro vidas perdidas que devalan no mundo ríspido da cidade, uns ninguéns. Catro sobreviventes que van aprender a compartir os medos, as esperanzas, a tenrura, a amizade, e tamén, os desencontros. Anna Gavalda escribe desde a experiencia da fraxilidade do ser humano, o equilibrio entre felicidade e desalento, que é o cerne desta novela.

Unha novela que reflexiona sobre a fraxilidade do ser humano, ese equilibrio entre a felicidade e o desalento.

Premio Novela Europea Casino de Santiago 2005




Entrevista coa autora

miércoles, 6 de abril de 2011

Os Nenos Numerados

Xoán Farias

Xerais (1977)

Os nenos numerados recolle a conmovedora historia dun fato de rapaces internados nos anos sesenta no reformatorio coruñés de Palavea. Pés Planos, logo chamado o Iluminado, –protagonista que é da novela– rouba unhas botas na zapatería de don Manuel e encérrano no reformatorio, un edificio rodeado por un muro de cristais cravados no cemento que brillan co sol da tarde. Pés Planos coñecerá na furgoneta que o levaba desde o xulgado á Casa Grande a Juan Acost, aquel rapaz de ollos quentes e fixos que choraba por calquera cousa, pero que terá pulo dabondo para intentar saltar o muro. A fame, o frío, os celadores, a loita diaria pola supervivencia nun ambiente hostil empuxan ós rapaces a tentar fuxir, pero moi poucos se atreven e case ningún o consegue. Xabier Senín realizou a versión galega de Os nenos numerados, chamada a converterse en novela de referencia da dura adolescencia dos máis desgraciados rapazotes galegos de hai trinta anos.


A particular homenaxe dos CEIP e IES de Ferrolterra a Juan Farias

domingo, 3 de abril de 2011

Settecento

Marcos Calveiro

Xerais (2010)

O badaleo de todos os campaniles de Venecia resoa en canles e pazos da Serenísima República unha mañá do ano de 1739 e, coma nun teatro barroco, álzase o pano deste melodrama para música no que todos os personaxes semellan agochar sentimentos e intencións tras unha branca máscara de Entroido. Baixo a atenta ollada dun alado león de mármore, Antonio Vivaldi prepara a estrea da súa nova opera, quizais a súa derradeira oportunidade de acadar o éxito de antano, mentres procura por un stradivarius perdido que moitos anos máis tarde escoitaremos nos oficios da catedral de Santiago. É, no celme harmónico deste prodixioso instrumento e nas habelenciosas mans do seu intérprete, onde fica o segredo dunha historia de culpa e redención, de amor e desexo, de loita e resignación, de fulgor e decadencia. Quizabes distintas notas para unha melodía arreo repetida na partitura das nosas vidas. Settecento é un intrigante e vertixinoso relato que confirma a Marcos Calveiro como un dos novelistas primeiros do noso tempo.