viernes, 16 de enero de 2015

Legado nos Ósos

Dolores Redondo

Xerais

Logo do rotundo éxito de "O gardián invisible", Dolores Redondo ofrécenos o segundo volume da súa triloxía ambientada no val do Baztán e protagonizada pola inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral de Navarra.

O xuízo contra o padrasto da moza Johana Márquez está a piques de comezar. A el asiste unha embarazada Amaia Salazar, que un ano atrás resolvera os crimes do chamado "basajaun", que sementaron de terror o val do Baztán. Amaia tamén reunira as probas inculpatorias contra Jasón Medina, que imitando o modus operandi do "basajaun" asasinou, violou e mutilou a Johana, a filla adolescente da súa muller.

De súpeto, o xuíz anuncia que o xuízo debe cancelarse: o acusado acaba de suicidarse nos baños do xulgado. Ante a expectación e o enfado que a noticia provoca entre os asistentes, Amaia é reclamada pola policía; o acusado deixou unha nota suicida dirixida á inspectora, unha nota que contén unha inquietante mensaxe: "Tarttalo".

Cunha soa palabra destaparase unha trama sobrecolledora que envolve a inspectora até un trepidante e emotivo final.


jueves, 15 de enero de 2015

Long John Silver

Xavier Dorison

Mathieu Lauffray

Norman Editorial

"Non volvemos a saber de Silver" escribía Robert Louis Stevenson. Pero, e se as aventuras do pirata con pata de pau máis famoso da literatura continuaran?

Baixo esta premisa, o espectacular tándem formado por Xavier Dorison e Matthieu Lauffray asina esta homenaxe á literatura de aventuras e ao xénero de piratas. Unha aventura que levará novamente a Silver a embarcarse xunto a novos personaxes, entre eles a atractiva e intrigante muller dun lord inglés, en busca do máis mítico dos tesouros... o lexendario Dourado.

Sangue, pelexas, vinganza e ron acompañarán ao lector nestes catro espectaculares tomos de Long John  Silver.



sábado, 10 de enero de 2015

O Mundo Secreto de Basilius Hoffman: O Ladrón de Soños



Urco Ediciones (2011)

O ladrón de soños é a primeira entrega dunha saga adicada a Basilius Hoffman, explorador, arqueólogo, membro da sociedade secreta de Avalon e moitas outras cousas máis que se irán descobrindo pouco a pouco. 

Basilius é o tío de Peter Hillman, auténtico protagonista deste conto, un rapaz de doce anos que vive e estuda nun internado e que deberá pasar as vacacións de nadal no vello casarón de seu tío.

O encontro entre tío e sobriño motivará un cambio decisivo na vida de Peter, que observa como o que semellaba un castigo supón o comezo dunha extraordinaria aventura. Basilius e Peter embarcaranse nunha viaxe fantástica na procura do Diario do Cartógrafo, nunha trama construída arredor da mitoloxía exipcia e do seu culto aos felinos.