luns, 8 de marzo de 2010

O Club do Segrel Lendo Mulleres

Iso exactamente foi o que fixemos mañá e tarde, ler textos escritos por mulleres.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dende "O Segrel do Penedo" quixemos poñer o noso gran de area nesta tarefa común de facer deste un mundo mellor e máis xusto para tod@s.

Pola mañá, durante o recreo, organizouse unha actividade que cada día ten máis adeptos "Música e Poesía". Nesta ocasión aos participantes, profesorado e alumnado de todos os cursos, que estiveron acompañados por Serafín Santamariña de 1º de ESO, que tocou varias pezas(1) co seu acordeón, só se lles pediu que leran textos escritos por mulleres e así o fixeron, incluso unha profe, Mª Carmen Arnoso e unha alumna, Sara Sabín, leron dous fermosos textos escritos por elas.

E pola tarde, día de reunión do Club de Lectura de pais, nais e profesorado, decidimos participar na iniciativa "Fene lendo Mulleres" que a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade está a desenvolver dende hai xa 10 anos e cunha grande participación por parte de veciños e amigos do concello.

Velaí tedes algúns dos poemas, textos e artigos de opinión que cada un de nós, e por motivos moi diversos, elixiu para este día.


Foi unha marabillosa xornada na que, do mellor xeito que sabemos, a través da música e a lectura, seguimos a facer ese camiño pola igualdade e o respecto aos demais.


(1) Actualización 12/03/10

"A cidade asulagada": Tradicional (Arranxos de Bieito Romero)
"O valse do vello fidalgo": Xosé Lois Romero Cajigal
"O Valse de Arousa": Tradicional (Arranxos de Rodrigo Romani)
"Escenas medievales": Tito Marcos

domingo, 7 de marzo de 2010

Sol de Inverno

Rosa Aneiros

Xerais (2009)

Sol de Inverno a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009 , é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes.

Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

Non deixedes de disfrutar do emocionante discurso que o noso admirado Agustín Fernández Paz pronunciou nos XXVI Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela)

"Oito doas para San Simón" en
Radio Barullo


O Segrel do Penedo
Pequena reportaxe en O Segrel da Presentación de "Sol de Inverno" na Galería Sargadelos de Ferrol.
"O 7 de Xuño os membros dos dous Clubs de Lectura de O Segrel celebraremos un Encontro con Rosa Aneiros. Fantástico fin de curso!!"