venres, 25 de xuño de 2010

Despedida do Club de Lectura

O venres 18 de xuño celebramos, como xa é habitual, a nosa despedida do Club de Lectura. E alí, como xa é habitual, estivemos case tod@s.. (Nesta ocasión botamos en falta a Marga, Rosi, Alsira, Isabel e Suso) E, como xa é habitual, ese remate de curso fixémolo compartindo mesa e mantel e, por suposto, risas e lecturas. Esas lecturas que nos seguirán mantendo unidos durante o verán e que serán as que nos reunirán o vindeiro curso.
É que nós, como xa é habitual, sempre nos poñemos "deberes" para as vacacións, que seique non sabemos vivir sen a lectura... Que vos parece a selección?
Estupenda, non si? Pero é que non acaba aquí, porque, como xa é habitual, aos postres sempre chega un fermosísimo agasallo que nunca deixará de emocionarme, e que nunca deixarei de disimular... Nesta ocasión foron dous títulos ben interesantes:
E que podo dicir eu que non sexa agradecer, a tod@s e cada un de vós, eses marabillosos momentos que ano tras ano, e con este xa van tres, pasamos xuntos. Momentos que como di Jose "permítennos disfrutar do que nos fai disfrutar", que segundo María "nos axudan a estresarnos para buscar un momento de relax", para Meren son "momentos nos que compartimos tantas cousas a través dos libros" e para min "un tempo do que xa non podería prescindir por tanto como me aporta"

Grazas a tod@s por "dar vida" ao noso club de lectura.



Esperámosvos en outubro cos deberes feitos.

Ah, e lembrade que o 2 de agosto temos unha cita en O Segrel, que o verán é moi longo e non queremos botarvos moito en falta... Así que xa sabedes, ás 12.00 da mañá do luns día 2, teremos o café preparado.

martes, 15 de xuño de 2010

Xornada Clubs de Lectura

O pasado venres asistimos á Xornada dos Clubs de Lectura celebradas en Santiago, e se só puidésemos utilizar unha palabra para describila esta sería "extraordinaria".

Extraordinaria a xuntanza da tarde do xoves con Cristina e Pilar e as coordinadoras de zonas, e a cena posterior. Ali coñecemos a Ana Tato de Viveiro e Chus Juanatey de Santiago e nos reencontramos con Carmen Suárez de Cambre. Extraordinarias!!

Extraordinaria Ana Mª Margallo quen na mañá do venres nos falou de "Fomento da Lectura" e de "Educación Literaria", de "lectura e xóvenes"

Extraordinaria a xuntanza dos coordinadores e coordinadoras dos Clubs de Lectura da zona de Ferrol onde estiveron con nós Gabriela e Ánxela, asesoras do CFR de Ferrol

Extraordianria a mesa de debate con Pedro Lamas de Caldas, "iESCALDaletras", Luís Gómez de Rois, "As Pintoras Daltónicas", Almudena Platero de Ourense, "As catro esquinas do quinto" e Xosé Manuel Eyré de Monforte.

Extraordinario Benjamín Prado que fixo unha fermosísima loubanza da figura do mediador nas persoas de Rafael Alberti, de Ángel González e do seu admiradísimo profesor Fernando Borlán, -grazas Pilar por ese oportuno exemplar de "Ecuador" que nos permitiu escoitar na súa voz o poema "Días de lluvia"-

Extraordinario "Uxío Novoneyra" fillo que pechou a xornada do mellor xeito posible, lendo poemas do gran Novoneyra (Axiña o teredes en Radio Barullo)

Xa o dixemos, sempre pensamos que é imposible superar o listón que marcan as organizadoras destas xornadas, pero elas, ano tras ano, nos sacan do noso erro.

Velaí tedes o programa, os materiais (entrade como convidados) e unha pequena reportaxe gráfica.



xoves, 10 de xuño de 2010

Rosa Aneiros cos Clubs de Lectura do Segrel

O luns día 7 de xuño celebramos o fin de festa dos clubs de lectura do Segrel cun fantástico encontro con Rosa Aneiros.

É esta unha experiencia que ano tras ano vimos realizando como remate das sesións dos clubs de lectura e, como ides comprobar, cunha extraordinaria aceptación por parte de tod@s @s asistentes.

Cando, hai xa tres anos, comentamos a nosa idea de facer unha reunión conxunta cun autor, naquela ocasión foi con Fran Alonso, e os membros dos clubs de lectura de alumnado e o de pais, nais e profes, houbo algún compañeiro que nos amosou as súas reticencias porque, segundo parecía, aos 15 e 16 anos non nos gusta estar cos nosos pais e nais neste tipo de actividades, que a rapazada non disfrutaría...

Que equivocados estaban os que así falaban! A experiencia non pode ser mellor nen máis positiva. En todas as ocasións son eles, os mozos e mozas, os que piden que se volvan a repetir estas xuntanzas conxuntas.

O encontro con Rosa Aneiros foi inesquecible. Comezaron Jose, un pai, e Laura, alumna, facendo unha estupenda presentación de Rosa. Laura fixo unha breve reseña biográfica e Jose falou do que para el supuxo a lectura de "Sol de inverno". E a partir de aí, e durante máis de tres horas falamos de libros, de lectura, do proceso que se segue para escribir un libro, falamos de "Inverno", analizamos a numeración dos capítulos de "Ás de bolboreta", que era algo que intrigaba moito a algún dos nosos rapaces,... e, por suposto, coñecemos unha miaxiña máis a esta extraordinaria escritora e mellor persona, e así soubemos que...:

"A literatura é todo o que os lectores van conformando a partir do que leron"

"Cando máis aprendo dos libros é cando os comparto"

"Cando remato unha novela os personaxes deixan de ser meus"

"A min o que me dá para escribir historias é vivir"

Velaí tedes algunhas imaxes do que alí aconteceu...



E non podíamos, nin queríamos esquecer o que opinan sobre Rosa Aneiros e esta experiencia conxunta algúns dos asistentes:

Pais, nais e profesorado:


"Poucas veces coñecín a un escritor ou escritora que fora tan asequible como Rosa Aneiros. Agradable, sinxela, comunicativa, clara, concisa, familiar... Dáche a sensación de que a coñeces de sempre, de toda a vida. Encántalle escoitar aos demais e aos demais nos encanta escoitala a ela. Unha auténtica profesional"
Mª Carmen Arnoso

"Hai veces que as verbas escritas dun autor/a fannos imaxinar unha personalidade, unha presenza, un estar, porque -imaxino- en cada obra hai algo de si mesm@s, do seu propio ser, do seu pensamento. Adoitame pasar con es@s escritor@s que te aferran ao libro ata rematares, nos que calquer obriga que te separe das páxinas é un contratempo. Logo, un día, coñécel@s e, como cando ves unha película logo de ler o libro, sintes que non era es@ @ autor/a que ti imaxinaches, e sintes un pouco de mágoa, un "para-que-viría". Con outr@s (Fran Alonso, Agustín, Marilar...) o encontro é fantástico e gozoso.
Con Rosa Aneiros foi fantástico, gozoso e fabuloso. Levou con tanta naturalidade a timideza d@s que alí estabamos para iniciar as preguntas, con tanta prestancia as preguntas d@s rapaces e rapazas, facéndolles atopar por si mesm@s as respostas ao que preguntaban, foi tan sincera nas respostas, que por un intre, escoitándoa falar dos seus personaxes, do seu padriño, das súas primeiras experiencias na escola de Valdoviño, pasoume polo maxín que a Biblioteca do IES se transformara e alí estabamos tod@s, sentad@s polo chan, nas alfombras, nos sofás, tomándonos uns cafés (cacao para menores non acompañad@s), nunha charla de xente que se coñece de hai moito tempo.
O sorriso constante, a naturalidade, as respostas concretas, claras, a falta de présa dunha persoa que non vive disto, que ao día seguinte tería que erguerse cedo para acudir ao seu traballo, o humor... Non sei se se nota que quedei prendada desta persona, porque da escritora xa estaba. Que é desa xente de quen podes decir sen medo a errar que ten calidade humana. E tamén "calidez". Cando vai volver???"

Maribel Serantes

"Foi unha experiencia moi positiva. O saber estar de Rosa Aneiros nos fixo pasar un rato do máis agradable. Cunha soltura propia dunha gran escritora como é, deunos todo tipo de detalles e anécdotas sobre as súas obras, de como as foi elaborando e fixo posibles dende un principio. A familiaridade e atención con que nos tratou foi para min o que máis me chamou a atención. Por sorte, vexo nela un claro exemplo de humildade nunha persoa que dada a súa traxectoria podería considerarse unha celebridade"
Juan José López

"Pasoume o mesmo que con Agustín, se non tivera lido nada dela iría rápidamente a mercar algúnha das súas novelas. Encantoume!"
Inma Rodríguez

Alumnado:

"A actividade levada a cabo no club de lectura gustoume moito porque gracias a Rosa Aneiros todos os compoñentes do Club (nen@s e adultos) aprendimos algo máis desta marabillosa escritora e dos seus libros e tamén dos mellores escritores Galegos
"
Laura López

"Pareceume un bo día no club de lectura xa que veu Rosa Aneiros e deunos ideas para facer as nosas propias historias.
Ademais estivemos xuntos rapaces e adultos!"
Diego López

"Realmente creo que foi unha tarde ben productiva. O ritmo de preguntas foi constante, de maneira que o intercambio de opinións, consellos e pensamentos non se detivo en ningún momento. Ademais, Rosa posuía unha capacidade oral moi fluída, e estiven de acordo en case todo o que ela dicía. Respondeu a todas as preguntas satisfactoriamente."
Roi Gándara

"Rosa Aneiros inspiroume!"
Juan Carlos

Se queredes ver a reportaxe gráfica podedes entrar no noso Álbum Fotográfico ou ver unha presentación de Picassa

Axiña a reportaxe en Radio Barullo e na canle de You Tube do Segrel.