sábado, 12 de maio de 2012

Cousas

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Galaxia

Cousas é unha colección de coarenta e cinco relatos satíricos breves onde Castelao presenta, de xeito moi crítico, a Galicia da época e faino cun estilo breve, conciso, sen pararse en descripcións típico do autor.

En todas as Cousas hai unha ilustración do propio autor que acompaña o texto. Debuxo e texto compleméntanse entre si neste xénero narrativo propio de Castelao, unha das xoias da literatura galega.




sábado, 5 de maio de 2012

A Esmorga

Eduardo Blanco Amor

Galaxia

A Esmorga foi a primeira obra narrativa en idioma galego que publicou Blanco-Amor, i é, xa que logo, unha das máis singulares da literatura galega dos nosos días. Nela, con independencia da riqueza técnica, destácase a riqueza da linguaxe, o humor que caracteriza grande parte da obra do autor, e un mundo de picaresca que se ten realidade nas vilas e cidades de Galicia, non tivo deica a aparición deste libro expresión literaria. Pódese dicir que A Esmorga é, en verdade, a primeira narrativa da picaresca galega, feita co ár trouleiro que se axeita ao temperamento do pobo, retranqueiro e ledo. É a obra máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal.

A esmorga é unha novela na que alcanzan especial brillo as virtudes de Blanco Amor como escritor. A súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida fermosa e mellor.

Sobre esta novela escribiu o filólogo portugués, Profesor Rodrigues Lapa: "É unha novela estraña e poderosa, cuxos personaxes recórtanse, fortes e palpables, no escenario da vella Auria, falando un idioma de excelente sabor popular. Nada lle falta pra que poida ser considerada como unha pequena obra mestra"


Ruta da Esmorga