luns, 30 de marzo de 2009

El Asombroso Viaje de Pomponio Flato

Eduardo Mendoza
Seix Barral

No século I da nosa era, Pomponio Flato viaxa polos confíns do Imperio romano en busca dunhas augas de efectos portentosos. O azar e a precariedade da súa fortuna lévano a Nazaret, onde vai ser executado o carpinteiro do pobo, convicto do brutal asasinato dun rico cidadán. Moi ao seu pesar, Pomponio vese inmerso na solución do crime, contratado polo máis extraordinario dos clientes; o fillo do carpinteiro, un neno candoroso e singular, convencido da inocencia do seu pai, home en apariencia pacífico e taciturno, que agocha, sen embargo, un grande segredo.

Cruce de novela histórica, novela policiaca,
haxiografía e parodia de todas elas, "El asombroso viaje de Pomponio Flato" é a obra máis insólita e inesperada de Eduardo Mendoza, e tamén unha das máis ferozmente divertidas.

Outro dos títulos que o Club de Lectura O Segrel vai compartir co Club de Lectura Ars Legendi. Esta está a ser unha fermosa experiencia de lecturas compartidas!!

luns, 16 de marzo de 2009

O Único que Queda é o Amor

Agustín Fernández Paz


Ilustracións: Pablo Auladell

Xerais (2008)


Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amor. Un libro memorable

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007 - Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

sábado, 14 de marzo de 2009

Cine Palomitas no Club de Lectura!!

A última sesión de lectura do alumnado do pasado mes de febreiro foi algo diferente ao que soemos facer cada luns que nos xuntamos. Ese día tivemos unha reunión moi especial.

Dende que limos o libro "O neno do pixama a raias" tomamos a decisión de que no momento que saíra ao mercado o DVD da peli, teríamos unha xuntanza especial á que chamamos "Cine palomitas".

O 11 de febreiro, o mesmo día que saiu ao mercado, fomos ao FNAC e mercamos o noso exemplar. Estabamos desexando vela xuntos así que ninguén faltou á cita, nin sequera Laura López que xa a vira coa familia.

O luns 16 de febreiro a biblioteca converteuse no salón da nosa casa e, como adoita acontecer cando vemos unha peli en familia ou cos amigos, a mesa encheuse de palomitas, zumes, patacas fritas e demais chuches aportadas por todos nós.

Foi unha fantástica xornada na que puidemos ver como unha novela é adaptada ao cine, unha xornada na que non só compartimos comentarios, senón tamén moitos sentimentos. De feito pensamos repetila coa peli do libro que estamos a ler "El Señor Ibrahim y las flores del Corán".

Unha experiencia moi recomendable e da que vos deixamos aquí algunhas fotos.

Queremos agradecer a Beni e a Toño a súa xenerosidade compartindo connosco os seus magníficos materiais.