mércores, 29 de xuño de 2011

Despedida do Club de lectura



No club dos adultos a elección das obras foi todo un éxito, todas, coa excepción de “Settecento”, onde nos atopamos cun grupiño ao que lles custou rematar a novela, pola riqueza do seu vocabulario, e “Mantis” polo diferente do seu plantexamento, o resto, dende Muriel Barbery, ata Domingo Villar, en castelán ou galego, de temáticas e estilos moi diferentes -novela negra, outras culturas, outras épocas, as relacións interpersoais, a nosa guerra “in-civil", a emigración...– todas as lecturas deron lugar a unhas reunións onde o debate, as anécdotas, as experiencias persoais... fixeron posible que entre todos e todas nós xurdira unha confianza e unha complicidade tal que o ambiente que se respirou en todas as xuntanzas foi sempre moi distendido e agradable, de verdadeira amizade. E este bo ambiente o que pide é un remate de curso cunha boa celebración. A comida de Fin de Curso á que non puideron asistir, e botamos ben en falta, Mª Carmen, Suso, David, Cristina, Rosi, Isabel e Inma.

Despedida na que non faltou un pequeno agasallo para cada un deles; un bolsa da Biblioteca “O Segrel do Penedo", Caderno de notas do Club de Lectura, un bolígrafo “O Segrel do Penedo” e un Marcapáxinas. E, como xa é tradicional, os “deberes” para o vindeiro curso. Que non queremos que este verán abandonen unha das súas paixóns...


Os títulos elixidos son, na súa maioría, algún dos nosos clásicos que ninguén debería perderse:
· Neira Vilas, Xosé: Memorias dun neno labrego
· Dieste, Rafael : Dos arquivos do trasno
· Martín, Paco : Das cousas de Ramón Lamote
· Rosnay, Tatiana de : La llave de Sarah
· Roger, Marie Sabine : Tardes con Margueritte
· García Márquez, Gabriel: Cien años de soledad
· Méndez Ferrín, Xosé Luis: Arraianos
· Blanco Amor, Eduardo: A esmorga
· Cunqueiro, Álvaro: Merlín e familia
· Rivas, Manuel : Todo é Silencio
· Navarro, Julia : Dime quien soy
· Castelao: Cousas
· Casares, Carlos : Ilustrísima



Cada un dos membros do club levou tres títulos que o 27 de xullo, ás 12 da mañá, en O Segrel, e arredor dun bo café, intercambiaremos, co fin de que cando chegue o primeiro trimestre do curso todos teñamos lidos tres ou catro deses títulos. Un xeito de seguir, aínda que na distancia, compartindo lecturas no verán que poñeremos en común no inverno.
A comida rematou cun fermoso agasallo, que nunca deixa de emocionarnos. Nesta ocasión foi un precioso ramo de flores e un marabilloso caderno de notas que xa estrearon cunhas fermosísimas e agarimosas dedicatorias.


Graciñas por permitirme seguir aprendendo e compartindo unha das miñas paixóns con todas e todos vós. Ata o 27 !!



luns, 13 de xuño de 2011

La Cena

Herman Koch

Salamnandra 2010

Ata onde é quen de chegar un pai para encubrir a un fillo que comete un delito inxustificable? Debe prevalecer o instinto de protección paterna, a lealdade a unhas normas sociais que garanten a coherencia e a fortaleza do grupo? Estas e outras preguntas de igual calibre xurden como dardos durante a lectura de "La cena", unha novela áceda e provocadora que apunta sin miramentos a toda unha clase social acomodada dos Países Baixos e, por extensión, de toda Europa, instalada nunha inercia de autosatisfacción e complacencia, e indiferente cara ao devenir da xeración que a sucederá.

Dúas parellas cítanse a cear nun moderno e exclusivo restaurante de Ámsterdam. Mentres saborean o aperitivo e charlan con aparente despreocupación sobre a última película de moda e os seus plans para as vacacións, son conscientes de que, tarde ou cedo, deberán abordar o incerto e acuciante asunto que os leva a reunirse: o futuro de Michel e Rick, os seus fillos de quince anos, que segundo algúns indicios poderían estar envoltos nun casoo de violencia grave. Así pois, tras os postres, cando a cea chegue aos seus últimos compases, a tensión entre os comensales terá alcanzado o seu punto culminante e a cadea de segredos e revelacións confluirán nun final dramático no que ninguén poderá esgrimir a súa inocencia.

Entrevista co autor
"Os membros do noso club, non se resignaron a rematar tan pronto o curso, así que a nosa última reunión non foi o pasado luns, senón que se alongou unha semaniña máis... que nos gustan estas reunións arredor dun bo libro!!"

luns, 6 de xuño de 2011

Encontro con Carlos de Castro e Marina Castro

Hoxe celebramos, como ven sendo habitual, unha reunión conxunta dos clubs de lectura. É o noso xeito de despedir o curso, e que mellor que celebrando un Encontro cun escritor, neste caso o noso invitado foi Carlos de Castro, autor de "La casa de la linterna", pero como o tema non era para menos, a presenza de Carlos veu acompañada de Marina Dolores Castro, que non dubidou en achegarse ao Segrel para contarnos as súas experiencias, as vivencias dunha nena de sete años convivindo cun fuxido.

O Encontro comezou coa presentación de Carlos de Castro e Marina Castro por parte de José Carlos e Mariña, dous dos membros do noso club dos rapaces, para o que se documentaron moi ben, de feito a presentación de Carlos veu precedida por unha interesantísima entrevista á súa dona, profesora de Bioloxía do noso instituto. No caso de Marina, foi Begoña, a súa nora e coordinadora da Biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda, e quen fixo posible este encontro cos membros do noso club de lectura, a que nos facilitou toda a información necesaria para a súa presentación.

Carlos achegounos á postguerra, aos fuxidos e ao Pontedeume da época a través das “aventuras” de dous rapaces de 14 anos, Eduardo Mata e Miguel Torres e dunha extraordinacia colección de magníficas fotografías. Marina deixounos impresionados coas experiencias tan fortes que viviu naqueles terribles anos, cando tan so era unha nena de sete anos.

Toda unha experiencia de momentos de lectura compartidos.


Dende O Segrel o noso agradecemento a Carlos, Marina e Begoña, por facer posible este encontro inesquecible.

Enquisa Club de lectura Pais, Nais e Profes