martes, 19 de febreiro de 2019

Contra Todo Isto

Manuel Rivas

Xerais (2018)

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da «globalización feliz». Vivimos nun Estado de Vergoña. Este libro está escrito contra Todo Isto. Todo Isto é descivilización. Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente. Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos. Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades. Todo Isto é o machismo como sistema. Todo Isto é a guerra contra a natureza. Todo Isto é domesticación intelectual. Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal. Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria. Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo. Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.



A Cabeza da Medusa

Marilar Aleixandre

Xerais (2008)


Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. 


martes, 5 de febreiro de 2019

El Castillo Ambulante

Diana Wynne Jones

Berenice (2007)


No país de Ingary, onde as botas de sete leguas e as capas de invisibilidade existen de verdade, Sophie Hatter atrae a desagradable atención da Bruxa do Páramo, quen a enfeitiza cun maleficio que a converte nunha vella.

Coa firme determinación de facer o máis axeitado, Sophie viaxa ao único lugar no que cre que poderá atopar axuda, o castelo ambulante que asexa polos outeiros veciños. Pero o castelo pertence ao temible Mago Howl, que se alimenta, segundo se di, dos corazóns de rapazas desprevidas...




Esta reunión do club celebrarémola cunha sesión de "cine palomitas" con esta fantástica adaptación feita por Hayao Miyazaki.