martes, 24 de abril de 2012

El Beso del Sáhara

Gonzalo Moure

Editorial SM

Contra a súa vontade, Marta chega aos campamentos saharauis de Tinduf acompañando ao seu pai, cuxa intención é amosarlle á súa filla outro modo de vida alonxado da sociedade de consumo na que ela se sente tan cómoda. Un encontro real con este lugar máxico, onde se vive en estreito contacto coa natureza, resulta sorprendente para a rapaza, pero non consegue chegar a sentir como unha saharaui ata o momento no que, tras un bico convencional cunha rapaza do campamento, as súas vidas crúzanse e ambas descubren o que é vivir noutra pel. Porque é que hai bicos cunha maxia capaz de transformar por completo a existencia daquelas persoas que os reciben.

O soño e a realidade confúndense nesta historia como a vida dos seus dous protagonistas.







venres, 13 de abril de 2012

Das Cousas de Ramón Lamote

Paco Martín

Galaxia

Velaquí un clásico da literatura galega, galardoado en 1986 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.


Ramón Lamote Miñato é profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. A súa existencia é apracible, como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Mais a vida tamén está chea de cousas. Das cousas que lle acontecen a Ramón Lamote e da súa particular maneira de entender o mundo trata esta novela.


Un deses marabillosos libros "catalogado" como literatura infantil e xuvenil e que ninguén, independente da súa idade, debería perderse. Unha "pequena" xoia!!

venres, 9 de marzo de 2012

Non Hai Noite Tan Longa

Agustín Fernández Paz

Xerais (2011)

Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila nata, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. O encontro coa ánima do seu pai, na desolada casa familiar, cambiaralle a vida para sempre.

En "Non hai noite tan longa" atopamos os ecos dos temas esencias da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. Unha obra de lectura engaiolante, debedora das técnicas da novela negra, que ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ácida ollada crítica sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI. Mais tamén, como acuñou Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth -"Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día"-, esta obra propón unha mensaxe de confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas. Unha novela que on ha deixar a ninguén indiferente, chamada a converterse nun clásico do noso tempo.

Primeiro capítulo da novela

Referencias literarias, cinematográficas, musicais e artísticas na novela



domingo, 26 de febreiro de 2012

La Llave de Sarah



Suma de letras (2910)


París, xullo de 1942. As autoridades arrestan a 13.000 xudeos ante a mirada dos parisinos, que gardan silenzo por medo, indiferencia ou simple interese, xa que esperan ocupar as vivendas valeiras. O pequeno Michel agóchase nun armario para fuxir da redada. A súa irmá Sarah pecha a porta para protexelo e garda a chave, pensando que vai voltar nunhas horas. Sen embargo, o destiño dos Starzynski é protagonizar unha das páxinas máis luctuosas da historia gala. Os xendarmes confinan aos miles de detidos durante cinco dían no Velódromo de Inverno, preto da Torre Eiffel, sen comida nen auga. Despois envian ás familias a un campo de concentración francés, onde os afastan como paso previo ao seu posterior traslado a Auschwitz. Parías, maio de 2002. Xulia Jarmond, unha xornalista norteamericana afincada en Francia dende hai vinte anos, recibe o encargo de preparar unha reportaxe con ocasión do sexaxésimo aniversario da redada. A reporteira reconstrúe o itinerario dos Starzynsky e a denodada loita de Sarah por salvar ao seu irmán, pero o último que pode imaxinar é que a investigación levaraa ata os Tézac, a familia do seu home. A epopeia da nena xudea será un exemplo a seguir para Xulia e para os que viviron marcados polo peso da culpal A chave de Sarah abre, entre outras cousas, a porta da redención.


domingo, 5 de febreiro de 2012

Palabras de Caramelo

Gonzalo Moure

Xerais (2010)

Kori é un neno de oito anos que só recoñece as palabras nos movementos da boca. Por iso é capaz de saber o que lle di o seu mellor amigo, un pequeno camelo ao que trata de salvar camiño dese deserto con que sempre soñou. Quizais a súa aventura nunca remate, sobre todo pola mensaxe tan especial de Caramelo.

sábado, 21 de xaneiro de 2012

Merlín e Familia

Álvaro Cunqueiro

Galaxia (1955)

Merlín e familia é a novela fundacional da obra narrativa de Álvaro Cunqueiro. Un universo, único na literatura, xorde nas fascinantes e engaioladoras historias que conta Felipe de Amancia, paxe ao servicio do mago Merlín. En Cunqueiro, a arte das palabras tinguida polo fino humor, sorprende pola capacidade para facer convivir o mito co mundo cotián. Maxia para o lector.

luns, 16 de xaneiro de 2012

O Cazador de Estrelas

Ricardo Gómez
Edelvives (2004)
Bachir vive nun campamento de refuxiados saharauis. Por causa dunha doenza pulmonar ten que permanecer inmóbil na súa tenda, desde onde escoita con atención os sons que chegan ata el. A través do oído tenta imaxinar o que acontece ao seu redor.
Unha noite coñece a Jamida, un vello sorprendente, mestura de sabio e de guerreiro, con quen fala da historia do seu pobo e dos nomes das estrelas.
Ese encontro vaille permitir albiscar un mundo alén dos límites opacos da súa jaima.

martes, 3 de xaneiro de 2012

Cien Años de Soledad

Gabriel García Márquez

Alfaguara (2007)

Un clásico consagrado da literatura Latinoamericana. Narrado en terceira persoa a novela desenvólvese durante o principio do século XX, na época do imperialismo colonial. Describe a historia, as traxedias e as venturas da familia Buendía ao longo de seis xeneracións. Comeza coa fundación do mítico Macondo, escenario onde transcurrirán eses cen anos de soidade.
Clica na imaxe e entrarás no realimo virtual da novela.

sábado, 10 de decembro de 2011

El Principito



Salamandra (2009)

O pasado 23 de novembro, a raiz da inauguración do "Niño do Bubisher" en Smara, unha fermosa iniciativa naceu entre as Bibliotecas Escolares Galegas.

Unha ducia destas bibliotecas pertencentes ao Plambe-Ferrolterra, que dende este curso estamos unidos aos rapaces e rapazas de Smara por un fermoso proxecto "Coñecernos para querernos", queríamos celebrar tamén o nacemento desta biblioteca, e pensamos que o mellor xeito de facelo era voando co Bubisher ata o Sáhara a través dunha marabillosa Colección de Álbumes Ilustrados que lles achegue aos nenos e nenas dos campamentos de Tinduf a maxia da lectura.

A esta ducia de bibliotecas uníronse xa máis de 70 bibliotecas escolares do resto do pais, e dende O Segrel queremos animarvos a tod@s @s amig@s que nos visitedes a formar parte desta iniciativa, para o que só tedes que entrar no listado que vos presentamos e seguir as instrucións.

Nós xa temos elixido ese pequeno agasallo para @s nos@s amig@s do Bubisher. "El Principito", un fermosísimo pop-up, co texto íntegro da obra, editado por Salamandra e que aquí vos presentamos. Esperamos que o disfruten tanto coma nós!.


"Non se ve ben senón co corazón,
O esencial é invisible aos ollos"

Que o voso corazón vos permita ser felices!

Actualizado o 20 de decembro, data na que chegamos aos 100 álbumes para o Niño do Bubi, Bubi 1 e Bubi 2. Que os disfruten!

venres, 2 de decembro de 2011

Memorias dun Neno Labrego



Galaxia (2011)
32ª Edición

Memorias dun neno labrego é o libro máis lido e o máis traducido da literatura galega. Nel se recolle o suposto caderno no que Balbino, un rapaz de aldea que vive na década de 1940, escribe: "Vexo un mundo darredor de min e adoezo por entendelo [...] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morren os paxaros". Velaquí unha das obras que fundan a narrativa galega contemporánea.


Con esta edición, ilustrada polo dibuxante e ilustrador galego Xaquín Marín, conmemóranse os cincuenta anos da súa aparición.

"[...] que as novas xeracións saiban que un libro escrito na nosa lingua pode ter boa acollida entre nós ó longo do tempo, e tamén para que nos coñezan e teñan noticia noutras latitudes da nosa literatura e da nosa identidade como pobo que se expresa nun idioma de seu."
Xosé neira Vilas


martes, 8 de novembro de 2011

El Color de la Arena

Elena O'callaghan i Duch

Ilustradora: María jesús Santos Heredero

Edelvives (2005)

Abdulá vive no deserto, e non coñece outra cor que a da area. Pero o seu avó, que viviu tempos mellores, antes da guerra e do illamento, fálalle de oasis e de vexetación, e do mar. O rapaz consegue deste xeito encher o seu mundo de cor, e expresalo cos lapis e o papel que lle chegan, de cando en vez, nos camións.

As ilustracións amosan as cores do deserto, tan suaves e delicados como a historia deste rapaz que necesita a pintura para comprender mellor o seu propio mundo.


venres, 4 de novembro de 2011

Tardes con Margueritte

Marie-Sabine Roger

Duomo (2009)


Germain, corenta e cinco anos, case analfabeto, fillo pouco querido e escolar humillado, pasa o tempo facendo algunhas chapuzas ou cultivando a súa horta. Desconfía dos seus compañeiros de clase, dos libros e das palabras difíciles, que lle din ben pouco. Pero unha tarde, no parque, coñece a Margueritte, unha anciá que está sentada no seu banco favorito, e descobre que comparten un mesmo pasatempo, contar paxaros.

Entre eles nace unha amizade pouco habitual. Margueritte é unha muller culta, que non parece decatarse das cousa que el ignora e que lle propón ler un libro en voz alta. Germain, por educación, acepta e así descobre o mundo dos libros, da maxia da lectura, e das marabillosas tardes con Margueritte.


Web oficial

Ficha da Película en IMDb

domingo, 2 de outubro de 2011

Rosa Aneiros ou O Eloxio dos Clubs de Lectura

"Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos Pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Fene? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis..."


Este é un estracto do pregón co que Rosa Aneiros inaugurou a Feira do Libro de Ferrol o pasado mes de Abril.

E que mellor xeito de comezar a nosa andaina lectora que lembrando as palabras desta extraordinaria escritora con quen tivemos a fortuna de celebrar un dos fins de festa dos Clubs do Segrel

Non deixedes de disfrutar coa lectura deste marabilloso pregón!!

mércores, 29 de xuño de 2011

Despedida do Club de lectura



No club dos adultos a elección das obras foi todo un éxito, todas, coa excepción de “Settecento”, onde nos atopamos cun grupiño ao que lles custou rematar a novela, pola riqueza do seu vocabulario, e “Mantis” polo diferente do seu plantexamento, o resto, dende Muriel Barbery, ata Domingo Villar, en castelán ou galego, de temáticas e estilos moi diferentes -novela negra, outras culturas, outras épocas, as relacións interpersoais, a nosa guerra “in-civil", a emigración...– todas as lecturas deron lugar a unhas reunións onde o debate, as anécdotas, as experiencias persoais... fixeron posible que entre todos e todas nós xurdira unha confianza e unha complicidade tal que o ambiente que se respirou en todas as xuntanzas foi sempre moi distendido e agradable, de verdadeira amizade. E este bo ambiente o que pide é un remate de curso cunha boa celebración. A comida de Fin de Curso á que non puideron asistir, e botamos ben en falta, Mª Carmen, Suso, David, Cristina, Rosi, Isabel e Inma.

Despedida na que non faltou un pequeno agasallo para cada un deles; un bolsa da Biblioteca “O Segrel do Penedo", Caderno de notas do Club de Lectura, un bolígrafo “O Segrel do Penedo” e un Marcapáxinas. E, como xa é tradicional, os “deberes” para o vindeiro curso. Que non queremos que este verán abandonen unha das súas paixóns...


Os títulos elixidos son, na súa maioría, algún dos nosos clásicos que ninguén debería perderse:
· Neira Vilas, Xosé: Memorias dun neno labrego
· Dieste, Rafael : Dos arquivos do trasno
· Martín, Paco : Das cousas de Ramón Lamote
· Rosnay, Tatiana de : La llave de Sarah
· Roger, Marie Sabine : Tardes con Margueritte
· García Márquez, Gabriel: Cien años de soledad
· Méndez Ferrín, Xosé Luis: Arraianos
· Blanco Amor, Eduardo: A esmorga
· Cunqueiro, Álvaro: Merlín e familia
· Rivas, Manuel : Todo é Silencio
· Navarro, Julia : Dime quien soy
· Castelao: Cousas
· Casares, Carlos : Ilustrísima



Cada un dos membros do club levou tres títulos que o 27 de xullo, ás 12 da mañá, en O Segrel, e arredor dun bo café, intercambiaremos, co fin de que cando chegue o primeiro trimestre do curso todos teñamos lidos tres ou catro deses títulos. Un xeito de seguir, aínda que na distancia, compartindo lecturas no verán que poñeremos en común no inverno.
A comida rematou cun fermoso agasallo, que nunca deixa de emocionarnos. Nesta ocasión foi un precioso ramo de flores e un marabilloso caderno de notas que xa estrearon cunhas fermosísimas e agarimosas dedicatorias.


Graciñas por permitirme seguir aprendendo e compartindo unha das miñas paixóns con todas e todos vós. Ata o 27 !!



luns, 13 de xuño de 2011

La Cena

Herman Koch

Salamnandra 2010

Ata onde é quen de chegar un pai para encubrir a un fillo que comete un delito inxustificable? Debe prevalecer o instinto de protección paterna, a lealdade a unhas normas sociais que garanten a coherencia e a fortaleza do grupo? Estas e outras preguntas de igual calibre xurden como dardos durante a lectura de "La cena", unha novela áceda e provocadora que apunta sin miramentos a toda unha clase social acomodada dos Países Baixos e, por extensión, de toda Europa, instalada nunha inercia de autosatisfacción e complacencia, e indiferente cara ao devenir da xeración que a sucederá.

Dúas parellas cítanse a cear nun moderno e exclusivo restaurante de Ámsterdam. Mentres saborean o aperitivo e charlan con aparente despreocupación sobre a última película de moda e os seus plans para as vacacións, son conscientes de que, tarde ou cedo, deberán abordar o incerto e acuciante asunto que os leva a reunirse: o futuro de Michel e Rick, os seus fillos de quince anos, que segundo algúns indicios poderían estar envoltos nun casoo de violencia grave. Así pois, tras os postres, cando a cea chegue aos seus últimos compases, a tensión entre os comensales terá alcanzado o seu punto culminante e a cadea de segredos e revelacións confluirán nun final dramático no que ninguén poderá esgrimir a súa inocencia.

Entrevista co autor
"Os membros do noso club, non se resignaron a rematar tan pronto o curso, así que a nosa última reunión non foi o pasado luns, senón que se alongou unha semaniña máis... que nos gustan estas reunións arredor dun bo libro!!"

luns, 6 de xuño de 2011

Encontro con Carlos de Castro e Marina Castro

Hoxe celebramos, como ven sendo habitual, unha reunión conxunta dos clubs de lectura. É o noso xeito de despedir o curso, e que mellor que celebrando un Encontro cun escritor, neste caso o noso invitado foi Carlos de Castro, autor de "La casa de la linterna", pero como o tema non era para menos, a presenza de Carlos veu acompañada de Marina Dolores Castro, que non dubidou en achegarse ao Segrel para contarnos as súas experiencias, as vivencias dunha nena de sete años convivindo cun fuxido.

O Encontro comezou coa presentación de Carlos de Castro e Marina Castro por parte de José Carlos e Mariña, dous dos membros do noso club dos rapaces, para o que se documentaron moi ben, de feito a presentación de Carlos veu precedida por unha interesantísima entrevista á súa dona, profesora de Bioloxía do noso instituto. No caso de Marina, foi Begoña, a súa nora e coordinadora da Biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda, e quen fixo posible este encontro cos membros do noso club de lectura, a que nos facilitou toda a información necesaria para a súa presentación.

Carlos achegounos á postguerra, aos fuxidos e ao Pontedeume da época a través das “aventuras” de dous rapaces de 14 anos, Eduardo Mata e Miguel Torres e dunha extraordinacia colección de magníficas fotografías. Marina deixounos impresionados coas experiencias tan fortes que viviu naqueles terribles anos, cando tan so era unha nena de sete anos.

Toda unha experiencia de momentos de lectura compartidos.


Dende O Segrel o noso agradecemento a Carlos, Marina e Begoña, por facer posible este encontro inesquecible.

Enquisa Club de lectura Pais, Nais e Profes

martes, 26 de abril de 2011

Xuntos e Máis Nada

Anna Gavalda

Galaxia (2006)

París exactamente ao pé da Torre Eiffel. Alí decorre a historia que conta "Xuntos e máis nada". A historia de catro persoas que pouco teñen en común, catro vidas perdidas que devalan no mundo ríspido da cidade, uns ninguéns. Catro sobreviventes que van aprender a compartir os medos, as esperanzas, a tenrura, a amizade, e tamén, os desencontros. Anna Gavalda escribe desde a experiencia da fraxilidade do ser humano, o equilibrio entre felicidade e desalento, que é o cerne desta novela.

Unha novela que reflexiona sobre a fraxilidade do ser humano, ese equilibrio entre a felicidade e o desalento.

Premio Novela Europea Casino de Santiago 2005




Entrevista coa autora