martes, 19 de febreiro de 2019

Contra Todo Isto

Manuel Rivas

Xerais (2018)

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da «globalización feliz». Vivimos nun Estado de Vergoña. Este libro está escrito contra Todo Isto. Todo Isto é descivilización. Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente. Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos. Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades. Todo Isto é o machismo como sistema. Todo Isto é a guerra contra a natureza. Todo Isto é domesticación intelectual. Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal. Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria. Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo. Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.



A Cabeza da Medusa

Marilar Aleixandre

Xerais (2008)


Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. 


martes, 5 de febreiro de 2019

El Castillo Ambulante

Diana Wynne Jones

Berenice (2007)


No país de Ingary, onde as botas de sete leguas e as capas de invisibilidade existen de verdade, Sophie Hatter atrae a desagradable atención da Bruxa do Páramo, quen a enfeitiza cun maleficio que a converte nunha vella.

Coa firme determinación de facer o máis axeitado, Sophie viaxa ao único lugar no que cre que poderá atopar axuda, o castelo ambulante que asexa polos outeiros veciños. Pero o castelo pertence ao temible Mago Howl, que se alimenta, segundo se di, dos corazóns de rapazas desprevidas...




Esta reunión do club celebrarémola cunha sesión de "cine palomitas" con esta fantástica adaptación feita por Hayao Miyazaki.

martes, 22 de xaneiro de 2019

Las Hijas del Capitán


Planeta (2018)


Nova York, 1936. A pequena casa de comidas “El capitán” arranca a súa andaina na rúa catorce, un dos enclaves da colonia española que daquela residía na cidade. A morte accidental do seu dono, Emilio Arena, obriga ás súas fillas mozas a asumir as rendas do negocio mentres nos tribunais se resolve o cobro dunha prometedora indemnización. Abatidas, acosadas pola urxente necesidade de sobrevivir, as temperamentais Victoria, Mona e Luz Arenas abriranse paso entre os rañaceos, compatriotas, adversidades e amores, decididas a converter o seu soño en realidade.

Un tributo ás mulleres que resisten cando os ventos sopran en contra, e unha homenaxe a todos aqueles valentes que viviron a aventura a miúdo épica e case sempre incerta da emigración.




22 Segundos

https://gl.wikipedia.org/wiki/Eva_Mejuto

Xerais (2017)

O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivirá de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase.


"Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada. O distintos asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas… E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."


Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. 


"22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoa históricamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas.

Entrevista na RTVG

martes, 15 de xaneiro de 2019

Llámame Paula

Concepción Rodríguez Gasch

Editorial Bellaterra (2016)


Cando Paula naceu todos creron que era un neno, pero ela sabía non era así. O día no que a súa nai morre comezan os seus problemas, xa que o seu pai e a súa avoa, cos que se ve obrigada a vivir, non parecen dispostos a aceptar a súa verdadeira identidade. A súa avoa enfádase con ela, e lle quita unha boneca que lle regalara a súa tía, porque pensa que unha boneca non é un xoguete apropiado para un neno. Un día, mentres xoga cun balón, Paula coñece a Laura, unha nena da súa mesma idade da que se fai amiga e confidente. As nenas métense nun lío tremendo ao entrar nunha igrexa do pobo cando non hai ninguén e vense envoltas nun misterioso roubo que terán que resolver. Conseguirá Paula resolver o misterio, sair airosa da súa aventura e ser aceptada tal e como é pola súa familia?


 
 

martes, 18 de decembro de 2018

Prohibido Nacer


Blackie Books (2017)


As vivencias de Trevor Noah na súa Sudáfrica natal durante e despois do apartheid. Non é so un perturbador relato do que supoñía crecer en Sudáfrica durante o apartheid, senón unha carta de amor á extraordinaria nai do autor que abrangue dende o seu nacemento ata que se emancipa do fogar familiar.


O autor ofrece unha serie de agudas instantáneas da existencia no asentamento de Soweto, onde vivía a súa aboa materna. Alí, lembra, o 99.9% da poboación era negra, e a súa pel clara convertíao nunha curiosidade para a veciñanza.

Tamén lembra que “o asentamento estaba en permanente estado de insurrección. Sempre había alguén manifestándose ou protestando en algures, e había que reprimilo. Mentres xogada na casa da miña aboa, oía os tiros, os berros, como disparaban gas lacrimóxeno contra a multitude