venres, 23 de abril de 2010

Chamando ás Portas do Ceo

Jordi Sierra i Fabra

Rodeira (2006)


Silvia, estudante de Medicina, marcha á India para traballar como cooperante durante o verán nun hospital situado nun perdido lugar do mundo. Ao facelo, enfrontáse cos seus pais e co seu noivo, e toma así, seguindo o seu instinto e o seu corazón, unha decisión que cambiará a súa vida e a súa forma de pensar. Na India coñecerá a dor e o sufrimento dos que non teñen nada, pero tamén a alegría e a paz da súa conciencia, e vivirá a cabalo non de dous, senón de tres mundos: por un lado Arturo, que a espera en España; por outro Leo, o médico, cooperante coma ela, capaz de renunciar a todo por estar alí; e, finalmente, Mahendra, o hindú que garda o máis doloroso dos segredos e que a introducirá nun novo horizonte sen fronteiras.

luns, 19 de abril de 2010

El Lector

Bernhard Schlink

Anagrama (2000)

Michael Berg ten quince anos. Un día, de regreso á casa do colexio, comeza a sentirse mal e unha Hanna, unha muller de trinta e seis anos, axúdao. Pasadas unhas semanas, o rapaz, agradecido, lévalle á casa un ramo de flores. Este será o comezo dunha relación erótica na que, antes de amarse, ela sempre lle pide a Michael que lle lea en voz alta fragmentos de Schiller, Goethe, Tolstói, Dickens... Un ritual que se repite durante varios meses, ata que un día Hanna desaparece sen deixar rastro algún. Sete anos despois, Michael, estudante de Dereito acude ao xuizo contra cinco mulleres acusadas de criminais de guerra nazis e de ser as responsabeis da morte de varias persoas no campo de concentración do que eran gardianas. Unha das acusadas é Hanna. Michael debátese entre as gratas lembranzas e a sede de xustiza, trata de comprender que foi o que levou a Hanna a cometer tales atrocidades, trata de descubrir quen é en realidade a muller á que amou...

Bernhard Schlink escribe unha deslumbrante novela sobre o amor, o horror e a piedade; sobre as feridas abertas da historia; sobre unha xeración de alemáns perseguida por un pasado que non viviron directamente, pero cuxas sombras caen sobre eles.


Dirixida por Stephen Daldry

Interpretada por Kate Winslet e Ralph Fiennes

luns, 8 de marzo de 2010

O Club do Segrel Lendo Mulleres

Iso exactamente foi o que fixemos mañá e tarde, ler textos escritos por mulleres.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dende "O Segrel do Penedo" quixemos poñer o noso gran de area nesta tarefa común de facer deste un mundo mellor e máis xusto para tod@s.

Pola mañá, durante o recreo, organizouse unha actividade que cada día ten máis adeptos "Música e Poesía". Nesta ocasión aos participantes, profesorado e alumnado de todos os cursos, que estiveron acompañados por Serafín Santamariña de 1º de ESO, que tocou varias pezas(1) co seu acordeón, só se lles pediu que leran textos escritos por mulleres e así o fixeron, incluso unha profe, Mª Carmen Arnoso e unha alumna, Sara Sabín, leron dous fermosos textos escritos por elas.

E pola tarde, día de reunión do Club de Lectura de pais, nais e profesorado, decidimos participar na iniciativa "Fene lendo Mulleres" que a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade está a desenvolver dende hai xa 10 anos e cunha grande participación por parte de veciños e amigos do concello.

Velaí tedes algúns dos poemas, textos e artigos de opinión que cada un de nós, e por motivos moi diversos, elixiu para este día.


Foi unha marabillosa xornada na que, do mellor xeito que sabemos, a través da música e a lectura, seguimos a facer ese camiño pola igualdade e o respecto aos demais.


(1) Actualización 12/03/10

"A cidade asulagada": Tradicional (Arranxos de Bieito Romero)
"O valse do vello fidalgo": Xosé Lois Romero Cajigal
"O Valse de Arousa": Tradicional (Arranxos de Rodrigo Romani)
"Escenas medievales": Tito Marcos

domingo, 7 de marzo de 2010

Sol de Inverno

Rosa Aneiros

Xerais (2009)

Sol de Inverno a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009 , é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes.

Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

Non deixedes de disfrutar do emocionante discurso que o noso admirado Agustín Fernández Paz pronunciou nos XXVI Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela)

"Oito doas para San Simón" en
Radio Barullo


O Segrel do Penedo
Pequena reportaxe en O Segrel da Presentación de "Sol de Inverno" na Galería Sargadelos de Ferrol.
"O 7 de Xuño os membros dos dous Clubs de Lectura de O Segrel celebraremos un Encontro con Rosa Aneiros. Fantástico fin de curso!!"

luns, 25 de xaneiro de 2010

O Diario da Outra Maniática

Ann McPherson

Aidan Macfarlane


Xerais (2001)

Susie, unha rapaza de 16 anos, escribe o seu diario íntimo, seguindo ó seu irmán Peter Payne, autor do Novo diario dun xove maniático. Desde o seu punto de vista feminino, Susie escribe sobre o sexo, o amor, anorexia, febres glandulares, depresión, morte, SIDA, dietas, exames, anticoncepción, divorcio, vermes, estrés, piollos e moitas cousas máis. No diario inclúe recortes, folletos, cartas e fragmentos de xornais e revistas sobre problemas que lle preocupan, anotacións das aventuras de Pete e doutros acontecementos, bos e malos, da súa vida familiar.

domingo, 17 de xaneiro de 2010

Cometas en el Cielo

Khaled Hosseini

Salamandra (2003)

Sobre o telón de fondo dun Afganistán respectuoso coas súas ricas tradicións ancestrais, a vida en Kabul durante o inverno de 1975 desenvólvese con toda a intesidade, a puxanza e o colorido dunha cidade confiada no seu futuro e ignorante do que se lle aveciña nun dos periodos máis cruentos que teñen padecido os milenarios pobos que a habitan.

Con apenas doce anos, Amir proponse gañar a competición anual de cometas da maneira que sexa, incluso a costa do seu inseparable Hassan, un "hazara" de crase inferior que é o seu servinte e compañeiro de xogos dende a súa máis tenra infancia.

Deste xeito, obsesionado por demostrarlle ao seu pai que xa é todo un home, Amir poñerá en perigo unha amizade fraguada ao longo de anos de enfrontarse a todos os perigos inimaxinables e aprenderá unha verdade que lle acompañará o resto da súa vida.


Nesta ocasión, celebraremos a primeira sesión do club de lectura de pais, nais e profes neste "Ano do libro e a lectura" cunha sesión de "Cine palomitas"

Entrevista ao autor e o director de "Cometas en el Cielo"

venres, 8 de xaneiro de 2010

Delicioso Suicidio en Grupo

Arto Paasilinna

Ed. Anagrama (2007)

Milleiros de finlandeses lánzanse cada ano por un precipicio ou inhalan dióxido de carbono do tubo de escape. Precisamente o día da San Xoán, a festa de comezo de verán, Onni Rellonen, un empresario en crise, decide poñer fin á súa vida. Pero xusto cando atopa un graneiro afastado, uns ruídos o deteñen. Onni salva a outro visitante do graneiro, o coronel Kemppainen, un viúvo que tiña decidido matarse ese mesmo día. Ámbolos dous renuncian ao común propósito e comezan a falar sobre os motivos que os impulsaban. Toman unha sauna, beben coñac e comezan a tutearse, ata que se renden ante a evidencia: existes un gran número de candidatos ao suicidio. Nace deste xeito unha longa amizade e a idea de fundar unha asociación de "aspirantes a suicida". Así, trinta e tres compañeiros deciden partir, nun flamante autocar, en busca dun suicidio colectivo digno: cruzarán Europa ata atopar o mellor acantilado dende o que lanzarse deliciosamente ao baleiro.

Entrevista ao autor en "El País"

luns, 30 de novembro de 2009

O Club dos Máis Novos no Tibet

O pasado luns celebramos a segunda reunión do club de lectura de rapaces e rapazas de ESO, e aínda que con algunha ausencia por mor dun autobús que non pasou pola parada... a xornada dou ben de si.

Hai quince días, na primeira xornada do club, decidimos que o primeiro libro que leríamos este curso sería "Un loto na neve" de Gonzalo Moure un fermosísimo libro que nos levou ata o Tibet!

Se ben esa viaxe non a realizamos físicamente, o noso espíritu sobrevoou o Monte Everest e soubemos do chamado mal de altura, visitamos Lhasa, subimos ao Potala, escoitamos as fermosas cancións dos traballadores e traballadoras durante a súa longa xornada laboral. Coñecemos aos monxes do Mosteiro de Drepung, vimos rezar aos fieis ante o Templo de Jokhang e contemplamos os seus cilindros de oración, algúns deles tan grandes que hai que rodealos. Os hai feitos dos máis diversos materiais e nós temos un de oso de yak, un animal moi apreciado neste país.

Coñecemos algunhas das tradicións do pobo tibetán, comprobamos que fan a sega como na Galiza de non hai tantos anos, vimos mulleres fiando, entramos na imprenta dun mosteiro, admiramos os seus libros de oracións e falamos de Mantras, Thangkas, Mandalas...

E que dicir da súa música! Aprendemos a tocar un cuenco tibetán e escoitamos unha marabillosa canción típica cantada por un rapaz cunha fermosísima voz.

E xa para rematar aprendemos a poñernos un sari, o noso non é vermello porque eses son para as mulleres casadas e nós aínda somo moi novos... Non diredes que mentimos cando vos dixemos que a tarde dera ben de si, no? Pois isto aínda non rematou, na próxima xuntanza seguiremos falando do Tibet, un pobo marabilloso que nos ten roubado o corazón.

Un Loto en la Nieve

Gonzalo Moure

Edelvives (2008)


Marcos, un mozo a quen o seu pai está a iniciar na escalada, sálvalle a vida a un alpinista suizo nos Picos de Europa; así e todo, o vínculo entre ambos os dous nacera anos atrás, nas misteriosas rexións espirituais do Tíbet.
A través das lembranzas de Von Arx, revivimos a súa primeira visita ao país das neves, xa baixo dominio chinés e, sobre todo, logramos afondar na vida dun cativo khampa, tan varudo e tan sólido coma un loto na neve. Esta novela transporta ao lector aos cumios máis altos do mundo e ás fonduras máis íntimas do corazón humano.
Blog do autor


Nesta ocasión, tras a lectura de "Un loto na neve" e como despedida do ano, na última reunión do Club de Lectura organizamos un "cine palomitas" onde disfrutamos da película "Siete anos en le Tibet".

A película cóntanos a verdadeira historia de Heinrich Harrer, un montañeiro australian que se fixo amigo do Dalai Lama, naquel tempo aínda un neno, cando a China invadiu o Tibet.

sábado, 21 de novembro de 2009

El Consuelo

Ana Gavalda

Seix Barral (2008)

Charles Balanda ten 46 anos. Home de familia e arquitecto de éxito, pasa as horas entre avións e aeroportos, pero un día recibe a noticia da morte de Anouk, unha muller á que amou durante a súa infancia e adolescencia, e os cementos sobre os que tiña construido a súa vida comezan a resquebraxarse. Será a lembranza de Anouk, unha persoa tremendamente especial que non soupo nin puido vivir como o resto do mundo, o que lle impulsará a dar un xiro radical e cambiar o seu destiño.

Desbordante e chea de humor, El Consuelo é unha grande historia de amor, pero aquí o amor non é só a atración entre dúas persoas, senón a gran resposta á pregunta se a vida merece a pena.

El Consuelo é un himno á esperanza e ás segundas oportunidades.

Entrevista á autora en El País

Entrevista á autora en El Periódico

A arquitectura de Ana Gavalda por Mª Aixa Sanz

Entrevista a Ana Gavalda en Radio Barullo
O Club de Lectura O Segrel vai compartir a lectura da novela de Gavalda co Club de Lectura Ars Legendi que xenerosamente nos fixo chegar varios exemplares. Unha fermosa experiencia de lecturas compartidas que comezou este curso e esperamos continúe nos vindeiros...

xoves, 5 de novembro de 2009

O Club da Calceta

María Reimóndez

Xerais (2006)


Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou minusvalora.

Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen lle de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora de O Club da Calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.


Implicadas no Desenvolvemento ONG fundada pola autora.

Blog de Implicadas no Desenvolvemento

Entrevista a María Reimóndez en Noticias en Positivo.

domingo, 18 de outubro de 2009

La Reina en el Palacio de las Corrientes de Aire

Stieg Larsson
Destino, 2009

Como xa imaxinábamos, Lisbeth non está morta, aínda que non hai moitias razóns para cantar vitoria: cunha bala no cerebro, necesita unda miracre, ou o máis habilidoso ciruxán que sexa quen de salvarlle a vida. Quédanlle semanas no mesmo centro onde un paciente moi perigoso segue a acechala: Alexander Zalachenko, Zala. Dende a cama do hospital, e a pesar do seu gravísimo estado, Lisbeth fai esforzos sobrehumáns para manterse alerta, porque sabe que as súas habilidades van ser, unha vez máis, a súa mellor defensa.

Mentres, cunha Erika Berger totalmente nas loitas de poder e as estratexias comerciais do poderoso xornal Svenska Morgon-Postes, en horas baixas tras o descenso das ventas e dos anunciantes Mikael síntese moi só. Quizais Lisbeth o teña afastado da súa vida, pero segundo as súas investigacións avanzan e as escuras razóns que están tras o complot contra Salander van tomando forma. Mikael sabe que non pode deixar nas máns da Xustiza e do Estado a vida e a liberdade de Lisbeth. Pesan sobre ela durísimas acusacións que fan que a policía manteña a orde de illamento, así que Kalle Blomkvist terá que ver de chegar ata ela, axudala, incluso ao seu pesar, e facerlle saber que segue alí, ao seu carón.

E o vindeiro 23 de outubro... Estrea da segunda parte da triloxía!!

"La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina"

Más información sobre esta película


Esta, tampouco deixaremos de vela, así que preparádevos !!

sábado, 27 de xuño de 2009

Despedida Club de Lectura


O pasado xoves celebramos a xa tradicional comida de celebración de fin de curso do Club de Lectura de pais, nais e profes.

Foi unha comida, como sempre que nos reunimos, moi agradable, onde houbo risas, emocións e sobre todo moitísima complicidade, froito de tantos e tan bos momentos nos que compartimos algo máis que boas lecturas.

Despois dos postres chegaron os agasallos. Todos eles recibiron unha bolsa das Bibliotecas Escolares Galegas e un caderno de notas coa portada chea de fotos dalgúns dos momentos das reunións do club. Un pequeno detalle que lles lembre as nosas citas dos luns.

En cada bolsa levaban "os deberes" para o verán:
"El consuelo" de Ana Gavalda, préstamo do Club de Lectura Ars Legendi.
"El Club de la calceta" de María Reimóndez, préstamo do Club de Lectura Arao.
E, por suposto, como podedes imaxinar se nos seguíchedes nas nosas lecturas, "La reina en el palacio de las corrrientes de aire" de Larsson.

Despois dos bos ratos que nos proporcionaron os dous primeiros títulos da triloxía e a adaptación cinematográfica de "Los hombres que no amaban a las mujeres", -tamén nós tivemos "cine palomitas"- non me perdonarían que non tivera feitas as reservas na nosa libería habitual.

Eles, sempre tan agarimosos, agasalláronme cun libro ben fermoso "El jardín de Hipatia" de Olalla García, no que deixaron unhas dedicatorias que me emocionaron.

"Gracias por enseñarme "el mundo de los libros"" (Ana)

"A lectura e a amizade, o mellor do mundo" (Mª Carmen)

"¡Y ya van 2 cursos!" (Rosi)

"Gracias por dejarme compartir estos momentos con vosotros" (Marga)

"Cantas verbas malgastamos antes de decir o que de verdade sentimos. As diferenzas non sempre fan distancias: tenden pontes. Incluso aos ratos" (Maribel)

"A raíña dos contos, das historias, dos poemas a medio facer.
A raíña das emocións, dos encontros concertados o luns.
Grazas polo "chispazo"
Non é doado reunir ás persoas. Ti o fas, porque todos temos algo en común. "A aprendizaxe" Para Loly (Mariola)


"Gracias por pasar unos momentos tan entrañables en el mundo de la lectura" (David)

"Con afecto" (Bau)

"Te queremos" (Pilar)

"Para una Ferrolana de pro" (Jose)

"Por esos momentos que pasamos que siempre se hacen muy cortitos. Con cariño" (Meren)

"Gracias por los buenos ratos que pasamos" (Begoña)

Emocionantes, moi emocionantes!!

Eu, só podo darvos as GRAZAS!!:

"Grazas por tanto como aprendo con todos vós e de todos vós."

"Grazas por permitirme disfrutar dunha das miñas paixóns en tan boa compañía."

"Grazas por compartir "afectos" e "efectos""

"Grazas por tantos e tan bos momentos cheos de complicidade"

"Grazas pola vosa amizade"

"Grazas por querer seguir esta andaina un ano máis "aínda que teñamos que mercar nós os libros" como confesou Ana durante a comida..."


Se pode pedir máis?

Queridos amigos e amigas, ata o vindeiro curso. Espero volvervos a ver a todos e cos deberes feitos !!!

Se queredes ver as fotos dalgunhas das sesións do noso club, só tedes que entrar no noso Álbum

domingo, 7 de xuño de 2009

Xornada Clubs de Lectura


O pasado venres día 5 os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura de centros públicos asistimos á "Xornada dos Clubs de Lectura" en Santiago. Un día ben intenso e que necesita dun tempo para a reflexión de tanto como alí poidemos escoitar e aprender.

As xornadas, inauguradas polo subdirector xeral Carlos Encisa, comezaron coa conferencia de Mireia Manresa que nos falou sobre "Os hábitos de lectura como punto de partida para a formación de lectores". Facendo especial fincapé na necesidade de reflexionar sobre a programación de actividades de lectura e que estas estean ben fundamentadas.

"O primeiro paso para a formación lectora consiste en ler moitos libros e diversos"

"O lector na adolescencia vaise quedando só fronte a lectura"

"En cantos institutos de España o libro é unha realidade cotiá nas aulas?"

Despois do tempo do café, imprescindible para a conversa coas amizades de sempre, para facer outras novas, o intercambio de ideas, a presentación de materiais,... asistimos á conferencia de Rosa Aneiros que nos falou da súa experiencia como escritora pero sobre todo do aprendido nos numerosos encontros cos seus lectores. Que xeito de transmitir o seu amor polos libros e a lectura!.

"O importante non é o que contas, o importante é o que comunicas"

"Lemos o que queremos ler, en función das nosas vivencias, da nosa propia vida"

"Hai que ser moi permeables ás necesidades dos rapaces"

"A literatura é xogo de espectativas, xogo de ilusións"

A tarde comezou cunha Mesa de Experiencias na que catro responsables de clubs de lectura de centros de ensino secundario, o IES A Sardiñeira, Trafegando Ronseis, IES de Foz e As catro esquinas do quinto nos falaron do seu magnífico labor en prol da lectura.

A clausura das Xornadas correu a cargo de Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana que nos presentaron a iniciativa "Ler Juntos", un programa de educación literaria no que participan familias, escola e biblioteca pública e que veñen desenvolvendo dende 1993 en Ballobar (Huesca)

"O paraugas da lectura cuida do corazón e da cabeza"

"O modelo adulto lector (pais, profesorado...) é moi escaso"

"A lectura crece nunha rede de afectos: contaxios"

E como sorpresa, para o remate da xornada estivo connosco o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín que nos fixo rir e moito coas súas historia de amor, o conto do "Bobo" non tal, e as anécdotas das cereixas, as mazás, o queixo da verza... Un fin de festa divertidísimo para unha Xornada magnífica na que, como sempre, a organización foi inmellorable.

Agora toca reflexionar e sacar as conclusións que nos axudarán a seguir crecendo e facendo camiño nesta fermosa andaina de acompañamento aos nosos rapaces na súa formación lectora.

Velaí algunhas fotos da Xornada.

sábado, 9 de maio de 2009

Tristes Armas

Marina Mayoral

Xerais (1994)

Tristes Armas é a historia dunha carta que nunca chegou ó seu destino. Tamén é a historia de dúas nenas exiliadas a Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora, dun carteiro namorado, dun rapaz empeñado en borrar a tristeza dos ollos dunha rapaza. É unha historia de fillos separados dos seus pais, de parellas desfeitas, de homes e mulleres zarandeados e maltratados polos ventos do odio. Pero Tristes Armas é sobre todo unha historia de amor.



Documentais sobre "A guerra (In)civil española"
Guerra Civil Española (1), (2), (3), (4), (5), (6), (7), (8), (9), (10)

"Exilio" Guerra Civil Española "Introdución", (1), (2), (3), (4), (5), (6),

Nesta ocasión, o Club de Lectura O Segrel dos máis novos está a compartir esta lectura co Club de Lectura da Biblioteca O Bosque Animado de Cambre que nos fixo chegar varios exemplares desta obra. Unha fantástica experiencia de lecturas compartidas que esperamos ampliar o vindeiro curso con algunha que outra actividade

domingo, 26 de abril de 2009

Y punto.

Mercedes Castro

Blog da autora

Alfaguara

Cunha poderosa voz narrativa cargada de ironía, Mercedes Castro irrumpe
no panorama literario coa historia dunha muller que se move entre o lusco e o fusco, unha protagonista tan de carne e óso que traspasa as páxinas desta novela co seu humor agridulce, a súa contundente fraxilidade e un inconformismo esencial que vai máis alá de calquera punto final.
Clara Deza é contradictoria e deslinguada, Clara Deza é axente da autoridade, esposa e compañeira, tan sensible por dentro como dura por fóra. Inmersa nun mundo hostil marcado polo enfrontamento entre dúas esferas contrapostas: a laboral, poblada por policías que oscilan entre a incomprensión ou a superprotección, yonquis que inspiran tenrura e superiores que non a respetan, e a persoal, que xira entorno a un matrimonio que é á vez refuxo e casa de fieras, remanso de paz e estanque de tormentas.

domingo, 19 de abril de 2009

Cazaría Salvaxe

Agustín Agra Barreiro
Xerais (2008)


Wotan, o Demo Negro ou Señor do Inframundo, tiña ollos de lume, o corpo invisíbel ás miradas e unha negrume inescrutábel ocupaba o baleiro que ía deixando. Nas noites de invernía saía de caza, dacabalo, coa compaña dos seus cadelos diabólicos, zugadores
de sangue, que perseguían e degoaban canto atopaban. Mais, foi Ricardo Ferreiro, o rapazolo da aldea de Marselle que salvou o pelello por dúas veces, quen foi designado para ser o elixido. Cando regresou ao País do Vento, despois do seu longo exilio na Illa de Dona Escura do Mar Tenebroso, conseguiu cos poderes e artes alí adquiridos acabar con Wotan e pór fin a súa tiranía, que asolaba vilas e aldeas, aínda a custa de pagar un prezo altísimo por semellante afouteza. Novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, enfiada coa prosa primorosa das narracións populares dos vellos violinistas, Cazaría salvaxe non deixa alento ao lector até a súa derradeira páxina.

Guía Didáctica

luns, 30 de marzo de 2009

El Asombroso Viaje de Pomponio Flato

Eduardo Mendoza
Seix Barral

No século I da nosa era, Pomponio Flato viaxa polos confíns do Imperio romano en busca dunhas augas de efectos portentosos. O azar e a precariedade da súa fortuna lévano a Nazaret, onde vai ser executado o carpinteiro do pobo, convicto do brutal asasinato dun rico cidadán. Moi ao seu pesar, Pomponio vese inmerso na solución do crime, contratado polo máis extraordinario dos clientes; o fillo do carpinteiro, un neno candoroso e singular, convencido da inocencia do seu pai, home en apariencia pacífico e taciturno, que agocha, sen embargo, un grande segredo.

Cruce de novela histórica, novela policiaca,
haxiografía e parodia de todas elas, "El asombroso viaje de Pomponio Flato" é a obra máis insólita e inesperada de Eduardo Mendoza, e tamén unha das máis ferozmente divertidas.

Outro dos títulos que o Club de Lectura O Segrel vai compartir co Club de Lectura Ars Legendi. Esta está a ser unha fermosa experiencia de lecturas compartidas!!

luns, 16 de marzo de 2009

O Único que Queda é o Amor

Agustín Fernández Paz


Ilustracións: Pablo Auladell

Xerais (2008)


Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amor. Un libro memorable

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007 - Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

sábado, 14 de marzo de 2009

Cine Palomitas no Club de Lectura!!

A última sesión de lectura do alumnado do pasado mes de febreiro foi algo diferente ao que soemos facer cada luns que nos xuntamos. Ese día tivemos unha reunión moi especial.

Dende que limos o libro "O neno do pixama a raias" tomamos a decisión de que no momento que saíra ao mercado o DVD da peli, teríamos unha xuntanza especial á que chamamos "Cine palomitas".

O 11 de febreiro, o mesmo día que saiu ao mercado, fomos ao FNAC e mercamos o noso exemplar. Estabamos desexando vela xuntos así que ninguén faltou á cita, nin sequera Laura López que xa a vira coa familia.

O luns 16 de febreiro a biblioteca converteuse no salón da nosa casa e, como adoita acontecer cando vemos unha peli en familia ou cos amigos, a mesa encheuse de palomitas, zumes, patacas fritas e demais chuches aportadas por todos nós.

Foi unha fantástica xornada na que puidemos ver como unha novela é adaptada ao cine, unha xornada na que non só compartimos comentarios, senón tamén moitos sentimentos. De feito pensamos repetila coa peli do libro que estamos a ler "El Señor Ibrahim y las flores del Corán".

Unha experiencia moi recomendable e da que vos deixamos aquí algunhas fotos.

Queremos agradecer a Beni e a Toño a súa xenerosidade compartindo connosco os seus magníficos materiais.