sábado, 9 de maio de 2009

Tristes Armas

Marina Mayoral

Xerais (1994)

Tristes Armas é a historia dunha carta que nunca chegou ó seu destino. Tamén é a historia de dúas nenas exiliadas a Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora, dun carteiro namorado, dun rapaz empeñado en borrar a tristeza dos ollos dunha rapaza. É unha historia de fillos separados dos seus pais, de parellas desfeitas, de homes e mulleres zarandeados e maltratados polos ventos do odio. Pero Tristes Armas é sobre todo unha historia de amor.



Documentais sobre "A guerra (In)civil española"
Guerra Civil Española (1), (2), (3), (4), (5), (6), (7), (8), (9), (10)

"Exilio" Guerra Civil Española "Introdución", (1), (2), (3), (4), (5), (6),

Nesta ocasión, o Club de Lectura O Segrel dos máis novos está a compartir esta lectura co Club de Lectura da Biblioteca O Bosque Animado de Cambre que nos fixo chegar varios exemplares desta obra. Unha fantástica experiencia de lecturas compartidas que esperamos ampliar o vindeiro curso con algunha que outra actividade

domingo, 26 de abril de 2009

Y punto.

Mercedes Castro

Blog da autora

Alfaguara

Cunha poderosa voz narrativa cargada de ironía, Mercedes Castro irrumpe
no panorama literario coa historia dunha muller que se move entre o lusco e o fusco, unha protagonista tan de carne e óso que traspasa as páxinas desta novela co seu humor agridulce, a súa contundente fraxilidade e un inconformismo esencial que vai máis alá de calquera punto final.
Clara Deza é contradictoria e deslinguada, Clara Deza é axente da autoridade, esposa e compañeira, tan sensible por dentro como dura por fóra. Inmersa nun mundo hostil marcado polo enfrontamento entre dúas esferas contrapostas: a laboral, poblada por policías que oscilan entre a incomprensión ou a superprotección, yonquis que inspiran tenrura e superiores que non a respetan, e a persoal, que xira entorno a un matrimonio que é á vez refuxo e casa de fieras, remanso de paz e estanque de tormentas.

domingo, 19 de abril de 2009

Cazaría Salvaxe

Agustín Agra Barreiro
Xerais (2008)


Wotan, o Demo Negro ou Señor do Inframundo, tiña ollos de lume, o corpo invisíbel ás miradas e unha negrume inescrutábel ocupaba o baleiro que ía deixando. Nas noites de invernía saía de caza, dacabalo, coa compaña dos seus cadelos diabólicos, zugadores
de sangue, que perseguían e degoaban canto atopaban. Mais, foi Ricardo Ferreiro, o rapazolo da aldea de Marselle que salvou o pelello por dúas veces, quen foi designado para ser o elixido. Cando regresou ao País do Vento, despois do seu longo exilio na Illa de Dona Escura do Mar Tenebroso, conseguiu cos poderes e artes alí adquiridos acabar con Wotan e pór fin a súa tiranía, que asolaba vilas e aldeas, aínda a custa de pagar un prezo altísimo por semellante afouteza. Novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, enfiada coa prosa primorosa das narracións populares dos vellos violinistas, Cazaría salvaxe non deixa alento ao lector até a súa derradeira páxina.

Guía Didáctica

luns, 30 de marzo de 2009

El Asombroso Viaje de Pomponio Flato

Eduardo Mendoza
Seix Barral

No século I da nosa era, Pomponio Flato viaxa polos confíns do Imperio romano en busca dunhas augas de efectos portentosos. O azar e a precariedade da súa fortuna lévano a Nazaret, onde vai ser executado o carpinteiro do pobo, convicto do brutal asasinato dun rico cidadán. Moi ao seu pesar, Pomponio vese inmerso na solución do crime, contratado polo máis extraordinario dos clientes; o fillo do carpinteiro, un neno candoroso e singular, convencido da inocencia do seu pai, home en apariencia pacífico e taciturno, que agocha, sen embargo, un grande segredo.

Cruce de novela histórica, novela policiaca,
haxiografía e parodia de todas elas, "El asombroso viaje de Pomponio Flato" é a obra máis insólita e inesperada de Eduardo Mendoza, e tamén unha das máis ferozmente divertidas.

Outro dos títulos que o Club de Lectura O Segrel vai compartir co Club de Lectura Ars Legendi. Esta está a ser unha fermosa experiencia de lecturas compartidas!!

luns, 16 de marzo de 2009

O Único que Queda é o Amor

Agustín Fernández Paz


Ilustracións: Pablo Auladell

Xerais (2008)


Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amor. Un libro memorable

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007 - Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

sábado, 14 de marzo de 2009

Cine Palomitas no Club de Lectura!!

A última sesión de lectura do alumnado do pasado mes de febreiro foi algo diferente ao que soemos facer cada luns que nos xuntamos. Ese día tivemos unha reunión moi especial.

Dende que limos o libro "O neno do pixama a raias" tomamos a decisión de que no momento que saíra ao mercado o DVD da peli, teríamos unha xuntanza especial á que chamamos "Cine palomitas".

O 11 de febreiro, o mesmo día que saiu ao mercado, fomos ao FNAC e mercamos o noso exemplar. Estabamos desexando vela xuntos así que ninguén faltou á cita, nin sequera Laura López que xa a vira coa familia.

O luns 16 de febreiro a biblioteca converteuse no salón da nosa casa e, como adoita acontecer cando vemos unha peli en familia ou cos amigos, a mesa encheuse de palomitas, zumes, patacas fritas e demais chuches aportadas por todos nós.

Foi unha fantástica xornada na que puidemos ver como unha novela é adaptada ao cine, unha xornada na que non só compartimos comentarios, senón tamén moitos sentimentos. De feito pensamos repetila coa peli do libro que estamos a ler "El Señor Ibrahim y las flores del Corán".

Unha experiencia moi recomendable e da que vos deixamos aquí algunhas fotos.

Queremos agradecer a Beni e a Toño a súa xenerosidade compartindo connosco os seus magníficos materiais.

luns, 23 de febreiro de 2009

El Señor Ibrahim y las Flores del Corán

Eric-Emmanuel Schmitt
Edicións Obelisco (2004)

No París dos anos sesenta, un rapaz xudeo de 13 anos faise amigo do tendeiro árabe da rúa Azul. Pero as apariencias sempre son engañosas: O Sr. Ibrahim, o tendeiro, non é árabe, a rúa Azul non é azul e o rapaz pode non ser xudeo.

Un texto sinxelo e dunha humanidade conmovedoras. Fair ir, chorar… un pordixio. Unha visión noble e conciliadora da humanidade.

“Nun momento no que o mundo sofre máis que nunca a causa dos fanatismos de todo tipo e no que a relixión se converte en motivo de conquista, xurde un magnífico conto que reconcilia ao home consigo mesmo”
Nesta ocasión, este lote de libros chégannos dende o Club de Lectura do Fernando Esquío, con quen tamén estamos a disfrutar de fermosos momentos de lectura compartida.

Grazas Begoña e Loles, esperamos que esta fantástica experiencia continue.

luns, 26 de xaneiro de 2009

Los Objetos nos Llaman

Juan José Millás
Seix Barral (2008)

O misterioso esculca á volta da esquina, no interior dun mesmo. Mulleres grandes que soñan con homes diminutos. Manequíns que súan. Polos que chegan dende o mercado á casa, pero que nunca aparecen na mesa. Mentiras que se converten en realidades inexplicables. Mistos vellos que alumean habitacións antigas. Pequenos malentendidos que dan lugar a preguntas fundamentais. Delirios sensatos. Corduras delirantes...

"Los objetos nos llaman" (podes lelos en liña) é unha selección dos mellores contos de Juan José Millás. Dividido en dúas partes fundamentais "As orixes" temas do pasado e da infancia, e "A vida" contos protagonizados polos mesmos personaxes ou por outros novos pero xa de adultos.


Nesta ocasión o Club de Lectura O Segrel vai compartir esta lectura co Club de Lectura Ars Legendi que xenerosamente nos fixo chegar 8 exemplares desta obra do gran Millás. Grazas Mar, esperamos seguir disfrutando desta experiencia de lecturas compartidas.

luns, 19 de xaneiro de 2009

O Neno do Pixama a Raias

John Boyne
Faktoría K (2007)

...Cremos que é importante empezar esta novela sen saber de que trata. Nembargantes, se decides embarcarte na aventura, debes saber que acompañarás a Bruno, un neno de nove anos, cando se muda coa súa familia a unha casa onda unha cerca. Hai milleiros de aramados coma ese en moitos sitios do mundo; só desexamos que nunca te atopes con ningún, e se o fas, que teñas forza para librarte del...

Esta novela do escritor irlandés John Boyne é unha fábula literaria para todos os públicos, que bebe de fontes como Charles Dickens, John Irving, Philip Roth, Anne Tyler ou Alexandre Dumas...

Trailer da Película

En "O Segrel Cinema

luns, 12 de xaneiro de 2009

La Chica que Soñaba con una Cerilla y un Bidón de Gasolina

Stieg Larsson
Destino (2008)

Lisbeth Salander tomouse un tempo; necesita afastarse do foco de atención e sair de Estocolmo. Trata de seguir unha férrea disciplina e non contestar ás chamadas nen ás mensaxes de Mikael, que non entende por que ten desaparecido da súa vída sen dar ningún tipo de explicación. Lisbeth cúrase das feridas de amor en soidade, aínda que intente distraer o desencanto co estudo das matemáticas e certos placeres nunha plaia do Caribe.
¿E Mikael? O gran heroe, Súper Blomkvist, vive bos momentos en Millennium, coas finanzas da revista saneadas e o recoñecemento porfesional por parte de colegas e outros medios. Agora ten entre máns unha reportaxe apaixoante sobre o tráfico e a prostitución de mulleres procedentes do Este que lle porpuxeron unha parella, Dag e Mía.
Máis información en:Serie Larsson
Wikipedia
El Pais

Novas
A terceira entrega, o terceiro libro titulado "La reina en el palacio de las corrientes de aire", publicarase en España o próximo 5 de xuño.
Toca esperar!!

luns, 1 de decembro de 2008

Los Hombres que No Amaban a Las Mujeres


Stieg Larsson
Destino (2008)


Henrik Vanger recibe cada primeiro de novembro extrañas e anónimas flores prensadas dende os puntos máis lonxanos do mundo. Era o agasallo que solía facerlle a súa querida sobriña, desaparecida trinta anos atrás. Mikael Blomkvist, redactor da revista Millennium, adicada a destapar escuras tramas financieiras, recibe o encargo de Vanger de retomar unha investigación xa pechada pola policía. Un encargo nada habitual para Mikael que lle permitirá coñecer á enigmática Lisbeth Salander, unha muller con problemas de adaptación social, pero con extraordinarias e insólitas cualidades.

Este é o argumento dunha novela que é a crónica da guerra interna dunha familia, un fresco fascinante do crime e do castigo, de trampas financieiras, un entramado violento e ameazante entre o que sen embargo crece unha tenra e fráxil historia de amor. Unha historia de amor entre a que será a parella máis memorable da literatura criminal.


Máis información en:
Serie Larsson
El País
La Vanguardia

luns, 17 de novembro de 2008

A Noite d'O Risón

Gonzalo Moure
Xerais, 2007
Ilustracións: Pere Ginard

Novela ambientada na ría de Ribadeo dentro dun ambiente de terror.

Hai coarenta anos, nun bar de pescadores dunha vila da costa do Cantábrico, nunha noite de treboada, coma non se lembra outra, un grupo de mariñeiros atrapados polo temporal e outras personaxes misteriosas comenzan a contar historias sobre tormentas, naufraxios e mortos.

O portagonista de A Noite d'O Risón pasará unha noite inesquecible xunto a eles; as súas lembranzas mestúranse cos relatos escoitdos dos mariñeiros.

"Quedar no coñecido, por medo ao descoñecido, equivale a manterse con vida, pero non vivir"
Anónimo

Coidadísima edición publicada por Xerais, na que se xunta o imaxinario de Gonzalo Moure coas marabillosas ilustracións de Pere Girard.

luns, 20 de outubro de 2008

E comezamos o noso segundo ano!!

Este mes de outubro comezamos as nosas sesións do club de lectura tanto de rapaces e rapazas como de pais e nais.

En ámbolos dous fixemos a nosa selección de títulos na primeira reunión, pero no de pais e nais, a triloxía de Larsson fíxonos modificar esa primera elección. Gustounos tanto "Los hombres que no amaban a las mujeres" que non dubidamos en elixir a segunda parte "La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina" como lectura para este Nadal.

Cos rapaces xa lemos "El asesinato de la profesora de lengua" e "A noite d'O Risón", para a volta de Nadal o libro elixido foi "Cazaría Salvaxe"


Como novidade, este curso decidimos que en cada sesión do club, un de nós faría a súa proposta de lectura ao resto. Sería a proposta desa lectura que máis nos gustou e que o resto do grupo non debería perderse. Temos que dicir que está a ser todo un éxito.

Na primeira sesión dos rapaces, Xano trouxo un libro de lendas da zona de Ferrolterra "De Lenda en Lenda" e tras a primeira lenda seguiu a segunda, a terceira e ata a cuarta. Encantoulles este libro, tanto foi así que na segunda sesión do club, Laura trouxo o seu exemplar, tamén o tiña na casa, e limos algunhas lendas máis.

No club de pais e nais a primeira lectura fíxoa Maribel que nos leeu un fermoso poema, pero quen nos emocionou de verdade foi Mariola, a nosa poetisa.

Mariola naceu nunha pequena aldea e aos sete anos trouxéronna para Fene, ou como ela di, "arrincáronme do carón dos meus avós", e desa terrible experiencia ela escribiu un fermosísimo poema. A súa sentida lectura fíxonos chorar, e pedímoslle que seguira lendo, e o seu segundo poema falaba de violencia, da violencia de xénero.

Mariola, é un verdadeiro pracer escoitarte ler os teus fermosos poemas.

Canto disfrutamos destas lecturas compartidas!!

xoves, 26 de xuño de 2008

Xornada Clubs de Lectura

Hoxe, os responsables de 104 clubs de lectura creados noutros tantos centros públicos de Galicia, tivemos a oportunidade de xuntarnos na EGAP, en Santiago, para disfrutar dunha xornada dedicada a falar das nosas experiencias de lecturas compartidas con distintos membros da nosa comunidade.

A xornada abriuna Blanca Calvo, directora da
biblioteca pública de Guadalajara e un dos referentes a ter en conta cando se fala de Clubs de Lectura.


"Un club de lectura é unha experiencia para compartir, un estímulo para a sociabilidade"


"Debemos demostrar á xente como sen darse de conta, eles están interesados na lectura"




Blanca falounos das distintas modalidades de clubs de lectura, do perfil do seu coordinador ou coordinadora, dos obxectivos a conseguir, de distintas actividades a desenvolver despois da lectura de cada libro, de como solucionar algúnhas das dificultades que nos podemos atopar.. e contounos a súa experiencia de lectura compartida cun club de lectura italiano.



O encargado de pechala foi Pep Bruno escritor e contacontos que nos enganchou cos seus contos e as súas suxestións de lectura.

Ademáis houbo dúas mesas de experiencias, unha pola mañá, onde se falou dos clubs de lectura para o alumnado, e outra pola tarde dedicada aos clubs de lectura abertos ao resto dos membros da comunidade.

Toda unha experiencia de lecturas compartidas, de propostas de distintas actividades, e de bo facer a cargo dos fantásticos profesionais que se atopan nas nosas Bibliotecas Escolares Galegas.

Canto por aprender, canto por facer... pero estamos no bo camiño!!

Parabéns ás organizadoras.



Actualización (28/06/08)
Tamén en Biblioafonso

martes, 24 de xuño de 2008

Momentos de Lecturas Compartidas

Hoxe queremos compartir con todos e todas vós a nosa experiencia cos Clubs de Lectura "O Segrel".

Unha experiencia que comezou o pasado mes de novembro e que nos trae ata o día de hoxe no que botando a vista atrás vemos un fantástico camiño percorrido cheo de novas experiencias e amizades, de momentos compartidos arredor dos libros, da lectura ...

Unha experiencia que permitiu a un dos membros do club:
"facer sitio no meu tempo - sempre tan escaso de ratos libres- para dedicarme ao pracer de ler"

Unha experiencia na que entre os aspectos máis salientables algúns destacan:
"A iniciativa en si mesma"
"A valentía de levala a cabo"

"Retomar o gusto pola lectura"
"O esforzo que facemos todos para buscar tempo para ler e para reunírmonos"


Entra no noso club e disfruta dalgúns deses momentos de Lectura Compartida.


Preme en Open Publication se queres velo máis ampliado.

xoves, 19 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (II)

Como xa vos explicamos no post anterior, o pasado luns disfrutamos da visita de Fran Alonso.

Velai vai algúns momentos dese encontro tan especial entre rapaces, pais, nais e profes non só co autor e a súa obra senón un encontro cos libros, a lectura e a vida.

Entrade no noso Canal You Tube de Radio Barullo e poderedes disfrutar de tres deses momentos:

Como xurdiu “Cartas de Amor

O momento en que Fran nos conta “Un dos seus Proxectos de Futuro

Algunha das nosas “Experiencias de Lectura Compartida”
Dende aquí queremos agradecer a Fran o comentario no seu blog Cabrafanada sobre a súa visita a “O Segrel do Penedo”

martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (I)

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca



A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.

martes, 8 de abril de 2008

Cartas de Amor

Fran Alonso

Xerais, 2007

Cabrafanada Blog do Autor

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas xon a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración… E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

luns, 31 de marzo de 2008

El Corazón Helado

Almudena Grandes

Tusquets Editores 2007
Colección "Andanzas"

O día da súa morte, Julio Carrión, poderoso home de negocios cuxa fortuna remóntase aos anos do franquismo, deixa aos seus fillos unha substanciosa herdanza, pero tamén moitos puntos escuros do seu pasado e da súa experiencia na Guerra Civil e na División Azul. No seu enterro, febreiro de 2005, o seu fillo Álvaro, o único que non quixera dedicarse aos negocios familiares, sorpréndese pola presenza dunha muller xoven e atractiva, á que ninguén tiña visto antes, e que parece delatar aspectos descoñecidos da vida íntima do seu pai. Raquel Fernández Perea, pola súa vanda, filla e neta dun exiliado en Francia, sábeo case todo sobre o pasado dos seus proxenitores e avós, aos que ten preguntado sobre a súa experiencia da guerra e do exilio. Para ela só unha historia permanece sen aclarar: a de unha tarde en que acompañou ao seu avó, recén regresado a Madrid, e visitaron a uns descoñecidos cos que intuiu que existía unha débeda pendente.

Álvaro e Raquel están condeados a encontrarse porque as súas respectivas historias familiares, que son tamén a historia de moitas familias en España, dende a Guerra Civil ata a Transición, forman parte de sí mesmos e explican ademáis as súas orixes, o seu presente. Tamén porque, sen sabelo, sentiranse atraídos sen remedio.

luns, 10 de marzo de 2008

El Secreto del Fuego

Henning Mankell
Madrid: Siruela, 2007

A protagonista é Sofia, unha nena africana duns doce anos. Cando uns soldados irrumpen no seu poblado, matando ao seu pai e a moita outra xente, fuxe coa súa nai e os seus irmánse instálanse noutro lugar onde hai moita xente en circunstancias parecidas. Sofia e a súa irmá María acoden á escola que dirixe un misioneiro e as monxas que atenden o poblado, e alí advírtenas de que nunca deben abandoar os camiños marcados debido á perigrosidade das minas...