viernes, 25 de enero de 2008

Club de Lectura do Segrel de Pais, Nais e Profes!!

O Club de Lectura do Segrel de pais e nais constituíuse o pasado mes de outubro. Este club está formado por dez nais e dous pais, todos eles amantes da lectura e dispostos a reunirse cada quince días para falar de libros, de autores, de sentimentos e emocións.

Reunímonos os mércores de catro e media a sete e a experiencia está resultando do máis positiva e agradable. Como non coñecía os seus gustos e preferencias presenteilles na primeira reunión, unha selección moi variada de títulos e autores entre os que elixiron “O Capitán Lobo Negro” de Xesús Manuel Valcárcel, obra que rematamos de ler na terceira reunión do club, o pasado mércores 23 de xaneiro.

Ningún deles tiña lido nada deste autor. Destacaron a riqueza do seu léxico, as súas descricións, esa mestura de ironía e fantasía, en fin, que lles gustou moito. E para completar a xornada, nunca faltan as risas, as anécdotas e, por suposto, un bo café.

A próxima reunión será o mércores 13 de febreiro, e nesta ocasión a obra elixida é “Sueños en el umbral” de Fatema Mernissi.

E aquí vos presento aos membros do noso club.

Club de Lectura do Segrel dos Máis Novos!!

O club de lectura do alumnado organizouse no mes de novembro e está formado por oito rapazas e catro rapaces. Durante a primeira reunión decidimos entre todos que libros leríamos, con que frecuencia nos reuniríamos e que outras actividades desenvolveríamos ademais da lectura.

A verdade é que non tivemos ningún problema á hora de poñernos de acordo. Decidimos que o día de reunión sería os luns de catro e cuarto a sete menos cuarto. Cando lles plantexei a posibilidade de dedicar a segunda parte da xornada a traballar coas TICs (blogs, chats, taller de escritura….) todos sen excepción estiveron de acordo. Así que temos unha semana sesión presencial, na biblioteca do cole, e a seguinte vía web, a través do chat. Toda unha experiencia, ben, máis para min que para eles, para que enganarnos…

O primeiro libro elixido foi “Cando petan na porta pola noite” de Xavier P. Docampo, e se queredes saber algunhas das súas impresións, só tedes que ir a “O Club do Segrel”.

Na segunda xornada, creamos o “Blog dos Segreis”. Un blog no que eles podan facer os seus comentarios e suxestións de lectura, cine, música, e que lles gusta moitísimo. Primeiro nos habilitamos e logo pasamos a dar os primeiros pasos para publicar entradas, baixar fotos... e a verdade é que estas son as súas ferramentas, gústanlles, polo que están moi motivados e así aprenden todo dun xeito tan natural que non deixa de sorprendernos!

Durante a terceira xornada ademais de falar da obra de Xavier Docampo, que lles gustou moito, eliximos o segundo libro “El alma del bosque” de Manuel López Gallego e que trata o tema da reinserción social. E na segunda parte da sesión dedicámonos a chatear. Cantas risas, que ben o pasamos... Pero todo isto podedes velo nesta pequena presentación.


viernes, 18 de enero de 2008

Sueños en el Umbral

Fátima Mernissi
El Aleph Editores, 2003

Cheo de ensoñacións e explicacións que a rapaza recibe como resposta ás súas preguntas de
todas as mulleres que viven con ela e forman parte do “harem”. A nai, a avóa, as tías, primas, cociñeiras… Todas teñen unha visión e unha interpretación do momento que lles está a tocar vivir. Visión dun Marrocos, e dun mundo árabe dende alguén de alí e non dende un occidental.

Diferentes puntos de vista de distintas mulleres sobre a vida, os homes, o amor…

Como chegan e arrasan as culturas occidentais. De que xeito afecta todo isto ao pensamento e a cultura de Fátima e ás mulleres coas que comparte a súa vida cotiá.

El Alma del Bosque

Manuel López Gallego
Editorial Everest, 2007
Premio "Leer es Vivir" 2006

Esta novela xuvenil relata as aventuras dun adolescente delicuente que é condenado por un xuiz a ir a un reformatorio. "O lío comeza cando a policía o deixa só nun bosque. A única axuda que atopa para recapacitar sobre a súa vida será a dun pastor" cóntanos o seu autor. Manuel López explica que a súa intención é que a xente crea que é posible a rehabilitación de quen cae na delincuencia.