Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de decembro de 2011

Memorias dun Neno Labrego



Galaxia (2011)
32ª Edición

Memorias dun neno labrego é o libro máis lido e o máis traducido da literatura galega. Nel se recolle o suposto caderno no que Balbino, un rapaz de aldea que vive na década de 1940, escribe: "Vexo un mundo darredor de min e adoezo por entendelo [...] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morren os paxaros". Velaquí unha das obras que fundan a narrativa galega contemporánea.


Con esta edición, ilustrada polo dibuxante e ilustrador galego Xaquín Marín, conmemóranse os cincuenta anos da súa aparición.

"[...] que as novas xeracións saiban que un libro escrito na nosa lingua pode ter boa acollida entre nós ó longo do tempo, e tamén para que nos coñezan e teñan noticia noutras latitudes da nosa literatura e da nosa identidade como pobo que se expresa nun idioma de seu."
Xosé neira Vilas


luns, 6 de xuño de 2011

Encontro con Carlos de Castro e Marina Castro

Hoxe celebramos, como ven sendo habitual, unha reunión conxunta dos clubs de lectura. É o noso xeito de despedir o curso, e que mellor que celebrando un Encontro cun escritor, neste caso o noso invitado foi Carlos de Castro, autor de "La casa de la linterna", pero como o tema non era para menos, a presenza de Carlos veu acompañada de Marina Dolores Castro, que non dubidou en achegarse ao Segrel para contarnos as súas experiencias, as vivencias dunha nena de sete años convivindo cun fuxido.

O Encontro comezou coa presentación de Carlos de Castro e Marina Castro por parte de José Carlos e Mariña, dous dos membros do noso club dos rapaces, para o que se documentaron moi ben, de feito a presentación de Carlos veu precedida por unha interesantísima entrevista á súa dona, profesora de Bioloxía do noso instituto. No caso de Marina, foi Begoña, a súa nora e coordinadora da Biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda, e quen fixo posible este encontro cos membros do noso club de lectura, a que nos facilitou toda a información necesaria para a súa presentación.

Carlos achegounos á postguerra, aos fuxidos e ao Pontedeume da época a través das “aventuras” de dous rapaces de 14 anos, Eduardo Mata e Miguel Torres e dunha extraordinacia colección de magníficas fotografías. Marina deixounos impresionados coas experiencias tan fortes que viviu naqueles terribles anos, cando tan so era unha nena de sete anos.

Toda unha experiencia de momentos de lectura compartidos.


Dende O Segrel o noso agradecemento a Carlos, Marina e Begoña, por facer posible este encontro inesquecible.

xoves, 19 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (II)

Como xa vos explicamos no post anterior, o pasado luns disfrutamos da visita de Fran Alonso.

Velai vai algúns momentos dese encontro tan especial entre rapaces, pais, nais e profes non só co autor e a súa obra senón un encontro cos libros, a lectura e a vida.

Entrade no noso Canal You Tube de Radio Barullo e poderedes disfrutar de tres deses momentos:

Como xurdiu “Cartas de Amor”

O momento en que Fran nos conta “Un dos seus Proxectos de Futuro”

Algunha das nosas “Experiencias de Lectura Compartida”
Dende aquí queremos agradecer a Fran o comentario no seu blog Cabrafanada sobre a súa visita a “O Segrel do Penedo”

martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (I)

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca



A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.