Amosando publicacións coa etiqueta Libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de xuño de 2020

Lecturas confinadas

O confinamento truncou a posibilidade de seguir reuníndonos para compartir libros, lecturas, risas,..., pero os membros dos clubs da rapazada e de nais e pais non abandonaron a súa paixon pola lectura. Neses momentos os libros foron o noso refuxio protector, o noso illamento voluntario. 

Para seguir compartindo libros pedímoslles que nos ensinaran e nos recomendaran as lecturas que lle axudaron a sobrelevar ese duro momento. 

Deixámosvos unha mostra na que seguro atoparedes un bo libro para disfrutar este verán. 

Facede click na imaxe para ver a publicación.

https://issuu.com/as.bego/docs/lecturas_no_confinamento

 Disfrutade das súas recomendacións!!

martes, 25 de febreiro de 2020

La ladrona de libros

Markus Zusak

Lumen, 2007


En plena II Guerra Mundial a pequena Liesel atopará a súa salvación na lectura. Unha novela preciosa, humana e emocionante que narra as peripecias dunha nena alemá de nove anos dende que é dada en adopción pola súa nai ata o final da guerra. A súa nova familia, xente sinxela e nada afecta ao nazismo, ensínaa a ler e a través dos libros Rudy logra distraerse durante os bombardeos e combater a tristura. Pero é o libro que ela mesma está a escribir o que finalmente lle salvará a vida.

Trailer da película

venres, 17 de xuño de 2016

Propostas dos Clubs de Lectura da Rapazada do Segrel!!

No mes de xuño, as xuntanzas dos tres clubs da rapazada do Segrel estiveron cheas de propostas de lectura. Propostas feitas por todos e cada un dos membros dos clubs da ESO, e entre esas propostas temos moita e moi variada literatura como podedes comprobar...

                                                                                                                                             





 1ºESO






2º ESO







3ºESO






E destas xuntanzas e da Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada o pasado venres día 10 en Santiago, saiu unha idea que pensamos poñer en práctica o vindeiro curso. No Segrel teremos o noso 1º Club de Manga. Esperámosvos!!

Grazas por outro curso, e con este xa van nove, cheo de lecturas compartidas!!

Sede Felices!!

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Corazón de Tinta

Cornelia Funke

Siruela (2008)


Quen son realmente Dedo Polvoriento, Capricornio ou Lingua de Bruxo saberao Meggie polas respostas que atope nun vello pobo das montañas de Liguria... e tamén nun libro. Cando Mo, o pai de Meggie, saúda a un estraño visitante que aparece na súa casa, a nena sente que aquela persoa emana un perigo, quizais unha grande ameaza contra o seu pai... e entón foxen ao sur, á casa da tía Elinor, propietaria dunha das máis fascinantes bibliotecas que calquera poida imaxinar. Meggie descubrirá que os forasteiros que misteriosamente aparecen e desaparecen, como aquel visitante nocturno, chaman ao seu pai Lingua de Bruxo, xa que teñen o don de dar vida aos personaxes dos libros cando le en voz alta. 

Esta novela de Cornelia Funke é maxia. É unha viaxe ao mundo dos libros, unha gran novela de aventuras e unha verdadeira declaración de amor aos grandes textos universais que cativan aos seus lectores. Así como unha loita feroz entre ficción e realidade, entro o ben e o mal.



domingo, 26 de abril de 2015

El Inventor de Palabras

Gerard Donovan

Tusquets (2010)

A vida de Julius Winsome, nunha remota cabana dos bosques de Maine, acabou asemellándose á paisaxe que o rodea: silencioso, illado, insondábel. Pero cando o seu can, Hobbes, morre a mans dun cazador, nun descoido ou nun acto de crueldade, a discreta existencia de Julius, xa na cincuentena, da un xiro. Precisamente, Hobbes era o único que lle quedaba dun antigo e fugaz amor. En adiante, terá por toda compaña o vello fusil familiar, co que o seu avó loitou na primeira guerra mundial, e os numerosos libros que cobren as paredes da cabana. Porque a lectura non so lle procura consolo, senón tamén inspiración para converterse nun "inventor de palabras" a imitación do seu admirado William Shakespeare. Pese a todo, a melancolía na que o sume a morte de Hobbes levarao a acariñar a idea de vingarse.


mércores, 16 de abril de 2014

Una Biblioteca de Verano


Periférica (2012)

Corre o ano 1946. A guerra rematou e a moza norteamericana narradora desta novela perdeu nela aos seus pais. Tamén, de morte natural, perdeu ao seu tío Marcel, un extraordinario personaxe que a educou no amor aos libros.

No pequeno pobo francés onde pasou os verán da súa infancia, a protagonista deberá ocuparse de poñer en marcha unha nova biblioteca tras saír do hospital, xa que as tropas alemás destruíron a anterior. Terá así a oportunidade de pensar no valor da lectura e na compañía que lle teñen proporcionado os libros nos peores momentos, e incluso á hora de tomar unha ou outra decisión (mentres o esplendor do verán invade a natureza dos arredores e o xardín fa vella casona que herdou do seu tío) As súas recomendacións aos veciños do pobo farana formar parte fundamental desa comunidade.

Os escritores Marcel Proust, Daniel Defoe, Paul Valéry... e as súas obras son tan importantes nesta novela como os personaxes de carne e oso cos que se relaciona cada día a moza protagonista, moitos deles convocados baixo a sombra protectora do tío Marcel.

Pero non é esta unha estampa máis ou menos evocadora e chea de encanto dunha época e duns autores atemporais: a verdadeira vida cólase en cada páxina e asistimos así a unha fermosísima e crúa busca da felicidade, o amor e de, por que non dicilo, a supervivencia. A unha historia en primeira persoa que é tamén a historia dunha época: da II Guerra Mundial e a ocupación alamana de Francia ao conflitivo nacemento do estado de Israel.


luns, 18 de febreiro de 2013

La Sociedad Literaria y el Pastel de Piel de Patata de Guernsey

Mary Ann Shaffer 

Annie Barrows

RBA


Enero de 1946, Londres emerxe das sombras da segunda guerra mundial. A escritora Juliet Ashton está buscando o argumento para o seu próximo libro. Quen podería imaxinar que o atoparía na carta dun descoñecido, un nativo da illa de Guernsey, a cuxas mans chegou un libro de Charles Lamb que pertenceu a Juliet?  A medida que Juliet e o descoñecido intercambian cartas, ela quédase atrapada nun mundo marabillosamente excéntrico. A sociedade literaria e o pastel de pel de pataca de Guernsey – nada como unha coartada espontánea cando os seus membros foron descubertos rompendo o toque de queda dos alemán – conten unha galería de personaxes fondamente humanos, divertidos, encantadores, todos amantes da literatura, que sobrelevaron a ocupación nazi organizando reunión de lectura sobre novelas clásicas, sempre arredor dun pastel de pel de pataca. Juliet comeza unha importante correspondencia cos membros da sociedade, pequenas xoias que falan de libros e do pracer da lectura, da amizade, da vida cotiá e do impacto recente que a ocupación alamana tivo nas súas vidas. Cativada polas súas historias, decide visitalos e o que atopa cambiará para sempre a súa vida.

Para saber máis sobre Guernsey

venres, 4 de novembro de 2011

Tardes con Margueritte

Marie-Sabine Roger

Duomo (2009)


Germain, corenta e cinco anos, case analfabeto, fillo pouco querido e escolar humillado, pasa o tempo facendo algunhas chapuzas ou cultivando a súa horta. Desconfía dos seus compañeiros de clase, dos libros e das palabras difíciles, que lle din ben pouco. Pero unha tarde, no parque, coñece a Margueritte, unha anciá que está sentada no seu banco favorito, e descobre que comparten un mesmo pasatempo, contar paxaros.

Entre eles nace unha amizade pouco habitual. Margueritte é unha muller culta, que non parece decatarse das cousa que el ignora e que lle propón ler un libro en voz alta. Germain, por educación, acepta e así descobre o mundo dos libros, da maxia da lectura, e das marabillosas tardes con Margueritte.


Web oficial

Ficha da Película en IMDb

mércores, 23 de febreiro de 2011

A Elegancia do Ourizo

Muriel Barbery

Galaxia (2008)


A elegancia do ourizo conta a historia de Renée, a porteira dun edificio do París burgués. Viúva, cativa e laida, ninguén sospeita que é máis culta ca todos os ricos finchados que moran na veciñanza. E a de Paloma, que vive na mesma casa, ten doce anos, é extraordinariamente intelixente e négase a ter como destino a vacuidade e a inepcia da existencia adulta. Cando faga trece anos, ten pensado suicidarse.




O Cine e a Música na Novela





A literatura na novela:
Jiro Taniguchi, Matsuo Basho, Kakuzo Okakura, Kokinshu, Hikaru no Go
Honoré de Balsac, Gustave Flaubert,
Stendhal, Francoise Mauriac, John le Carré,
Leon Tolstoi, Michael Conelly, Henning Mankell,

A Pintura na novela:
Francis Bacon
Jan Vermeer
Jan Baptiste Chardin
Pieter Claesz
Willem Kalf
Osias Beert
Rafael
Rubens
Hopper

venres, 25 de xuño de 2010

Despedida do Club de Lectura

O venres 18 de xuño celebramos, como xa é habitual, a nosa despedida do Club de Lectura. E alí, como xa é habitual, estivemos case tod@s.. (Nesta ocasión botamos en falta a Marga, Rosi, Alsira, Isabel e Suso) E, como xa é habitual, ese remate de curso fixémolo compartindo mesa e mantel e, por suposto, risas e lecturas. Esas lecturas que nos seguirán mantendo unidos durante o verán e que serán as que nos reunirán o vindeiro curso.
É que nós, como xa é habitual, sempre nos poñemos "deberes" para as vacacións, que seique non sabemos vivir sen a lectura... Que vos parece a selección?
Estupenda, non si? Pero é que non acaba aquí, porque, como xa é habitual, aos postres sempre chega un fermosísimo agasallo que nunca deixará de emocionarme, e que nunca deixarei de disimular... Nesta ocasión foron dous títulos ben interesantes:
E que podo dicir eu que non sexa agradecer, a tod@s e cada un de vós, eses marabillosos momentos que ano tras ano, e con este xa van tres, pasamos xuntos. Momentos que como di Jose "permítennos disfrutar do que nos fai disfrutar", que segundo María "nos axudan a estresarnos para buscar un momento de relax", para Meren son "momentos nos que compartimos tantas cousas a través dos libros" e para min "un tempo do que xa non podería prescindir por tanto como me aporta"

Grazas a tod@s por "dar vida" ao noso club de lectura.



Esperámosvos en outubro cos deberes feitos.

Ah, e lembrade que o 2 de agosto temos unha cita en O Segrel, que o verán é moi longo e non queremos botarvos moito en falta... Así que xa sabedes, ás 12.00 da mañá do luns día 2, teremos o café preparado.

xoves, 10 de xuño de 2010

Rosa Aneiros cos Clubs de Lectura do Segrel

O luns día 7 de xuño celebramos o fin de festa dos clubs de lectura do Segrel cun fantástico encontro con Rosa Aneiros.

É esta unha experiencia que ano tras ano vimos realizando como remate das sesións dos clubs de lectura e, como ides comprobar, cunha extraordinaria aceptación por parte de tod@s @s asistentes.

Cando, hai xa tres anos, comentamos a nosa idea de facer unha reunión conxunta cun autor, naquela ocasión foi con Fran Alonso, e os membros dos clubs de lectura de alumnado e o de pais, nais e profes, houbo algún compañeiro que nos amosou as súas reticencias porque, segundo parecía, aos 15 e 16 anos non nos gusta estar cos nosos pais e nais neste tipo de actividades, que a rapazada non disfrutaría...

Que equivocados estaban os que así falaban! A experiencia non pode ser mellor nen máis positiva. En todas as ocasións son eles, os mozos e mozas, os que piden que se volvan a repetir estas xuntanzas conxuntas.

O encontro con Rosa Aneiros foi inesquecible. Comezaron Jose, un pai, e Laura, alumna, facendo unha estupenda presentación de Rosa. Laura fixo unha breve reseña biográfica e Jose falou do que para el supuxo a lectura de "Sol de inverno". E a partir de aí, e durante máis de tres horas falamos de libros, de lectura, do proceso que se segue para escribir un libro, falamos de "Inverno", analizamos a numeración dos capítulos de "Ás de bolboreta", que era algo que intrigaba moito a algún dos nosos rapaces,... e, por suposto, coñecemos unha miaxiña máis a esta extraordinaria escritora e mellor persona, e así soubemos que...:

"A literatura é todo o que os lectores van conformando a partir do que leron"

"Cando máis aprendo dos libros é cando os comparto"

"Cando remato unha novela os personaxes deixan de ser meus"

"A min o que me dá para escribir historias é vivir"

Velaí tedes algunhas imaxes do que alí aconteceu...



E non podíamos, nin queríamos esquecer o que opinan sobre Rosa Aneiros e esta experiencia conxunta algúns dos asistentes:

Pais, nais e profesorado:


"Poucas veces coñecín a un escritor ou escritora que fora tan asequible como Rosa Aneiros. Agradable, sinxela, comunicativa, clara, concisa, familiar... Dáche a sensación de que a coñeces de sempre, de toda a vida. Encántalle escoitar aos demais e aos demais nos encanta escoitala a ela. Unha auténtica profesional"
Mª Carmen Arnoso

"Hai veces que as verbas escritas dun autor/a fannos imaxinar unha personalidade, unha presenza, un estar, porque -imaxino- en cada obra hai algo de si mesm@s, do seu propio ser, do seu pensamento. Adoitame pasar con es@s escritor@s que te aferran ao libro ata rematares, nos que calquer obriga que te separe das páxinas é un contratempo. Logo, un día, coñécel@s e, como cando ves unha película logo de ler o libro, sintes que non era es@ @ autor/a que ti imaxinaches, e sintes un pouco de mágoa, un "para-que-viría". Con outr@s (Fran Alonso, Agustín, Marilar...) o encontro é fantástico e gozoso.
Con Rosa Aneiros foi fantástico, gozoso e fabuloso. Levou con tanta naturalidade a timideza d@s que alí estabamos para iniciar as preguntas, con tanta prestancia as preguntas d@s rapaces e rapazas, facéndolles atopar por si mesm@s as respostas ao que preguntaban, foi tan sincera nas respostas, que por un intre, escoitándoa falar dos seus personaxes, do seu padriño, das súas primeiras experiencias na escola de Valdoviño, pasoume polo maxín que a Biblioteca do IES se transformara e alí estabamos tod@s, sentad@s polo chan, nas alfombras, nos sofás, tomándonos uns cafés (cacao para menores non acompañad@s), nunha charla de xente que se coñece de hai moito tempo.
O sorriso constante, a naturalidade, as respostas concretas, claras, a falta de présa dunha persoa que non vive disto, que ao día seguinte tería que erguerse cedo para acudir ao seu traballo, o humor... Non sei se se nota que quedei prendada desta persona, porque da escritora xa estaba. Que é desa xente de quen podes decir sen medo a errar que ten calidade humana. E tamén "calidez". Cando vai volver???"

Maribel Serantes

"Foi unha experiencia moi positiva. O saber estar de Rosa Aneiros nos fixo pasar un rato do máis agradable. Cunha soltura propia dunha gran escritora como é, deunos todo tipo de detalles e anécdotas sobre as súas obras, de como as foi elaborando e fixo posibles dende un principio. A familiaridade e atención con que nos tratou foi para min o que máis me chamou a atención. Por sorte, vexo nela un claro exemplo de humildade nunha persoa que dada a súa traxectoria podería considerarse unha celebridade"
Juan José López

"Pasoume o mesmo que con Agustín, se non tivera lido nada dela iría rápidamente a mercar algúnha das súas novelas. Encantoume!"
Inma Rodríguez

Alumnado:

"A actividade levada a cabo no club de lectura gustoume moito porque gracias a Rosa Aneiros todos os compoñentes do Club (nen@s e adultos) aprendimos algo máis desta marabillosa escritora e dos seus libros e tamén dos mellores escritores Galegos
"
Laura López

"Pareceume un bo día no club de lectura xa que veu Rosa Aneiros e deunos ideas para facer as nosas propias historias.
Ademais estivemos xuntos rapaces e adultos!"
Diego López

"Realmente creo que foi unha tarde ben productiva. O ritmo de preguntas foi constante, de maneira que o intercambio de opinións, consellos e pensamentos non se detivo en ningún momento. Ademais, Rosa posuía unha capacidade oral moi fluída, e estiven de acordo en case todo o que ela dicía. Respondeu a todas as preguntas satisfactoriamente."
Roi Gándara

"Rosa Aneiros inspiroume!"
Juan Carlos

Se queredes ver a reportaxe gráfica podedes entrar no noso Álbum Fotográfico ou ver unha presentación de Picassa

Axiña a reportaxe en Radio Barullo e na canle de You Tube do Segrel.

martes, 24 de xuño de 2008

Momentos de Lecturas Compartidas

Hoxe queremos compartir con todos e todas vós a nosa experiencia cos Clubs de Lectura "O Segrel".

Unha experiencia que comezou o pasado mes de novembro e que nos trae ata o día de hoxe no que botando a vista atrás vemos un fantástico camiño percorrido cheo de novas experiencias e amizades, de momentos compartidos arredor dos libros, da lectura ...

Unha experiencia que permitiu a un dos membros do club:
"facer sitio no meu tempo - sempre tan escaso de ratos libres- para dedicarme ao pracer de ler"

Unha experiencia na que entre os aspectos máis salientables algúns destacan:
"A iniciativa en si mesma"
"A valentía de levala a cabo"

"Retomar o gusto pola lectura"
"O esforzo que facemos todos para buscar tempo para ler e para reunírmonos"


Entra no noso club e disfruta dalgúns deses momentos de Lectura Compartida.


Preme en Open Publication se queres velo máis ampliado.