luns, 1 de decembro de 2008

Los Hombres que No Amaban a Las Mujeres


Stieg Larsson
Destino (2008)


Henrik Vanger recibe cada primeiro de novembro extrañas e anónimas flores prensadas dende os puntos máis lonxanos do mundo. Era o agasallo que solía facerlle a súa querida sobriña, desaparecida trinta anos atrás. Mikael Blomkvist, redactor da revista Millennium, adicada a destapar escuras tramas financieiras, recibe o encargo de Vanger de retomar unha investigación xa pechada pola policía. Un encargo nada habitual para Mikael que lle permitirá coñecer á enigmática Lisbeth Salander, unha muller con problemas de adaptación social, pero con extraordinarias e insólitas cualidades.

Este é o argumento dunha novela que é a crónica da guerra interna dunha familia, un fresco fascinante do crime e do castigo, de trampas financieiras, un entramado violento e ameazante entre o que sen embargo crece unha tenra e fráxil historia de amor. Unha historia de amor entre a que será a parella máis memorable da literatura criminal.


Máis información en:
Serie Larsson
El País
La Vanguardia

luns, 17 de novembro de 2008

A Noite d'O Risón

Gonzalo Moure
Xerais, 2007
Ilustracións: Pere Ginard

Novela ambientada na ría de Ribadeo dentro dun ambiente de terror.

Hai coarenta anos, nun bar de pescadores dunha vila da costa do Cantábrico, nunha noite de treboada, coma non se lembra outra, un grupo de mariñeiros atrapados polo temporal e outras personaxes misteriosas comenzan a contar historias sobre tormentas, naufraxios e mortos.

O portagonista de A Noite d'O Risón pasará unha noite inesquecible xunto a eles; as súas lembranzas mestúranse cos relatos escoitdos dos mariñeiros.

"Quedar no coñecido, por medo ao descoñecido, equivale a manterse con vida, pero non vivir"
Anónimo

Coidadísima edición publicada por Xerais, na que se xunta o imaxinario de Gonzalo Moure coas marabillosas ilustracións de Pere Girard.

luns, 20 de outubro de 2008

E comezamos o noso segundo ano!!

Este mes de outubro comezamos as nosas sesións do club de lectura tanto de rapaces e rapazas como de pais e nais.

En ámbolos dous fixemos a nosa selección de títulos na primeira reunión, pero no de pais e nais, a triloxía de Larsson fíxonos modificar esa primera elección. Gustounos tanto "Los hombres que no amaban a las mujeres" que non dubidamos en elixir a segunda parte "La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina" como lectura para este Nadal.

Cos rapaces xa lemos "El asesinato de la profesora de lengua" e "A noite d'O Risón", para a volta de Nadal o libro elixido foi "Cazaría Salvaxe"


Como novidade, este curso decidimos que en cada sesión do club, un de nós faría a súa proposta de lectura ao resto. Sería a proposta desa lectura que máis nos gustou e que o resto do grupo non debería perderse. Temos que dicir que está a ser todo un éxito.

Na primeira sesión dos rapaces, Xano trouxo un libro de lendas da zona de Ferrolterra "De Lenda en Lenda" e tras a primeira lenda seguiu a segunda, a terceira e ata a cuarta. Encantoulles este libro, tanto foi así que na segunda sesión do club, Laura trouxo o seu exemplar, tamén o tiña na casa, e limos algunhas lendas máis.

No club de pais e nais a primeira lectura fíxoa Maribel que nos leeu un fermoso poema, pero quen nos emocionou de verdade foi Mariola, a nosa poetisa.

Mariola naceu nunha pequena aldea e aos sete anos trouxéronna para Fene, ou como ela di, "arrincáronme do carón dos meus avós", e desa terrible experiencia ela escribiu un fermosísimo poema. A súa sentida lectura fíxonos chorar, e pedímoslle que seguira lendo, e o seu segundo poema falaba de violencia, da violencia de xénero.

Mariola, é un verdadeiro pracer escoitarte ler os teus fermosos poemas.

Canto disfrutamos destas lecturas compartidas!!

xoves, 26 de xuño de 2008

Xornada Clubs de Lectura

Hoxe, os responsables de 104 clubs de lectura creados noutros tantos centros públicos de Galicia, tivemos a oportunidade de xuntarnos na EGAP, en Santiago, para disfrutar dunha xornada dedicada a falar das nosas experiencias de lecturas compartidas con distintos membros da nosa comunidade.

A xornada abriuna Blanca Calvo, directora da
biblioteca pública de Guadalajara e un dos referentes a ter en conta cando se fala de Clubs de Lectura.


"Un club de lectura é unha experiencia para compartir, un estímulo para a sociabilidade"


"Debemos demostrar á xente como sen darse de conta, eles están interesados na lectura"




Blanca falounos das distintas modalidades de clubs de lectura, do perfil do seu coordinador ou coordinadora, dos obxectivos a conseguir, de distintas actividades a desenvolver despois da lectura de cada libro, de como solucionar algúnhas das dificultades que nos podemos atopar.. e contounos a súa experiencia de lectura compartida cun club de lectura italiano.



O encargado de pechala foi Pep Bruno escritor e contacontos que nos enganchou cos seus contos e as súas suxestións de lectura.

Ademáis houbo dúas mesas de experiencias, unha pola mañá, onde se falou dos clubs de lectura para o alumnado, e outra pola tarde dedicada aos clubs de lectura abertos ao resto dos membros da comunidade.

Toda unha experiencia de lecturas compartidas, de propostas de distintas actividades, e de bo facer a cargo dos fantásticos profesionais que se atopan nas nosas Bibliotecas Escolares Galegas.

Canto por aprender, canto por facer... pero estamos no bo camiño!!

Parabéns ás organizadoras.



Actualización (28/06/08)
Tamén en Biblioafonso

martes, 24 de xuño de 2008

Momentos de Lecturas Compartidas

Hoxe queremos compartir con todos e todas vós a nosa experiencia cos Clubs de Lectura "O Segrel".

Unha experiencia que comezou o pasado mes de novembro e que nos trae ata o día de hoxe no que botando a vista atrás vemos un fantástico camiño percorrido cheo de novas experiencias e amizades, de momentos compartidos arredor dos libros, da lectura ...

Unha experiencia que permitiu a un dos membros do club:
"facer sitio no meu tempo - sempre tan escaso de ratos libres- para dedicarme ao pracer de ler"

Unha experiencia na que entre os aspectos máis salientables algúns destacan:
"A iniciativa en si mesma"
"A valentía de levala a cabo"

"Retomar o gusto pola lectura"
"O esforzo que facemos todos para buscar tempo para ler e para reunírmonos"


Entra no noso club e disfruta dalgúns deses momentos de Lectura Compartida.


Preme en Open Publication se queres velo máis ampliado.

xoves, 19 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (II)

Como xa vos explicamos no post anterior, o pasado luns disfrutamos da visita de Fran Alonso.

Velai vai algúns momentos dese encontro tan especial entre rapaces, pais, nais e profes non só co autor e a súa obra senón un encontro cos libros, a lectura e a vida.

Entrade no noso Canal You Tube de Radio Barullo e poderedes disfrutar de tres deses momentos:

Como xurdiu “Cartas de Amor

O momento en que Fran nos conta “Un dos seus Proxectos de Futuro

Algunha das nosas “Experiencias de Lectura Compartida”
Dende aquí queremos agradecer a Fran o comentario no seu blog Cabrafanada sobre a súa visita a “O Segrel do Penedo”

martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (I)

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca



A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.

martes, 8 de abril de 2008

Cartas de Amor

Fran Alonso

Xerais, 2007

Cabrafanada Blog do Autor

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas xon a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración… E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

luns, 31 de marzo de 2008

El Corazón Helado

Almudena Grandes

Tusquets Editores 2007
Colección "Andanzas"

O día da súa morte, Julio Carrión, poderoso home de negocios cuxa fortuna remóntase aos anos do franquismo, deixa aos seus fillos unha substanciosa herdanza, pero tamén moitos puntos escuros do seu pasado e da súa experiencia na Guerra Civil e na División Azul. No seu enterro, febreiro de 2005, o seu fillo Álvaro, o único que non quixera dedicarse aos negocios familiares, sorpréndese pola presenza dunha muller xoven e atractiva, á que ninguén tiña visto antes, e que parece delatar aspectos descoñecidos da vida íntima do seu pai. Raquel Fernández Perea, pola súa vanda, filla e neta dun exiliado en Francia, sábeo case todo sobre o pasado dos seus proxenitores e avós, aos que ten preguntado sobre a súa experiencia da guerra e do exilio. Para ela só unha historia permanece sen aclarar: a de unha tarde en que acompañou ao seu avó, recén regresado a Madrid, e visitaron a uns descoñecidos cos que intuiu que existía unha débeda pendente.

Álvaro e Raquel están condeados a encontrarse porque as súas respectivas historias familiares, que son tamén a historia de moitas familias en España, dende a Guerra Civil ata a Transición, forman parte de sí mesmos e explican ademáis as súas orixes, o seu presente. Tamén porque, sen sabelo, sentiranse atraídos sen remedio.

luns, 10 de marzo de 2008

El Secreto del Fuego

Henning Mankell
Madrid: Siruela, 2007

A protagonista é Sofia, unha nena africana duns doce anos. Cando uns soldados irrumpen no seu poblado, matando ao seu pai e a moita outra xente, fuxe coa súa nai e os seus irmánse instálanse noutro lugar onde hai moita xente en circunstancias parecidas. Sofia e a súa irmá María acoden á escola que dirixe un misioneiro e as monxas que atenden o poblado, e alí advírtenas de que nunca deben abandoar os camiños marcados debido á perigrosidade das minas...

domingo, 17 de febreiro de 2008

Os Clubs de Lectura do Segrel

Esta semana tivemos outra sesión dos clubs de lectura. Unha actividade coa que cada día estamos máis ilusionados e máis implicados e da que todos aprendemos tantísimo.

A última obra que leron os rapaces foi “
El alma del bosque” de Manuel López Gallego, gustoulles moitísimo.
Falamos da influencia das compañías, tanto para ben como para mal, así como da posibilidade de reinserción dos delincuentes…

Membros do Club do Alumnado:

Sentados e de esquerda a dereita: Laura, Laura López, Lukas e Sara.

De pé e de esquerda a dereita: Roi, Ángela, Leonardo, Nerea, Michelle e Xano

Faltaba Paula, os exames do día seguinte foron os "culpables"...


Logo dun debate moi interesante subimos á aula de informática a seguir traballando con algunhas destas novas ferramentas que a Web 2.0 pon ao noso alcance e que tanto os motiva. Fixeron comentarios do libro lido e tamén algunha suxestión de lectura no seu blog.

O blog dos segreis” naceu co obxectivo de ser un punto de encontro para o noso alumnado no que poder facer os seus comentarios, as súas suxestións de lectura, cine, música... Un espazo para debater, compartir, colaborar, en definitiva, para aprender; obxectivo este cara ao que nos imos achegando día a día.

Para a próxima reunión elixiron “
O inferno de Marta” de Pascual Alapont.

No club dos pais e nais lemos «
Sueños en el umbral » de Fatima Mernissi. Un libro marabilloso que nos proporcionou un tema de debate do máis interesante.

Nesta ocasión o club non se reuniu na biblioteca do centro, xa que decidimos comezar esta semana un roteiro polas bibliotecas das sociedades culturais das distintas parroquias do concello. A primeira elixida foi a Sociedade Cultura e Deportiva de “O Pote” de Maniños onde pasamos unha tarde moi agradable.





(Maniños - Fene)






O libro elixido para a próxima reunión é “La ladrona de libros
” de Markus Suzak.

Estes clubs de lectura están a ser unha das mellores experiencias que se están a desenvolver dende a nosa biblioteca e que recomendamos a todos os que esteades interesados en poñelos en práctica.

mércores, 13 de febreiro de 2008

O Inferno de Marta

Pascual Alapont
Xerais Edicións, 2004
Colección "Fóra de Xogo"

Cando aceptou saír con aquel mozo, Marta non sabía que poñía un pé no inferno, e que a partir de entón sería tan doloroso penetrar como tratar de escapar de alí. Esta novela de Pasqual Alapont, escrita ao xeito dun thriller, con psicópata incluído, pon os pelos de pé. Esta é a historia de Marta, unha moza que se namorou da persoa equivocada; pero tamén é a historia dunha amizade a proba de bombas que cativa pola súa tenrura. O libro complétase con A máscara do amor, un texto no que o psicólogo e criminalista Vicente Garrido analiza os comportamentos de risco que calquera persoa moza debería ter en conta para evitar caer no inferno do maltrato físico ou psicolóxico. Un libro útil que combina unha novela emocionante chea de suspense e un práctico libro de autoaxuda

venres, 25 de xaneiro de 2008

Club de Lectura do Segrel de Pais, Nais e Profes!!

O Club de Lectura do Segrel de pais e nais constituíuse o pasado mes de outubro. Este club está formado por dez nais e dous pais, todos eles amantes da lectura e dispostos a reunirse cada quince días para falar de libros, de autores, de sentimentos e emocións.

Reunímonos os mércores de catro e media a sete e a experiencia está resultando do máis positiva e agradable. Como non coñecía os seus gustos e preferencias presenteilles na primeira reunión, unha selección moi variada de títulos e autores entre os que elixiron “O Capitán Lobo Negro” de Xesús Manuel Valcárcel, obra que rematamos de ler na terceira reunión do club, o pasado mércores 23 de xaneiro.

Ningún deles tiña lido nada deste autor. Destacaron a riqueza do seu léxico, as súas descricións, esa mestura de ironía e fantasía, en fin, que lles gustou moito. E para completar a xornada, nunca faltan as risas, as anécdotas e, por suposto, un bo café.

A próxima reunión será o mércores 13 de febreiro, e nesta ocasión a obra elixida é “Sueños en el umbral” de Fatema Mernissi.

E aquí vos presento aos membros do noso club.

Club de Lectura do Segrel dos Máis Novos!!

O club de lectura do alumnado organizouse no mes de novembro e está formado por oito rapazas e catro rapaces. Durante a primeira reunión decidimos entre todos que libros leríamos, con que frecuencia nos reuniríamos e que outras actividades desenvolveríamos ademais da lectura.

A verdade é que non tivemos ningún problema á hora de poñernos de acordo. Decidimos que o día de reunión sería os luns de catro e cuarto a sete menos cuarto. Cando lles plantexei a posibilidade de dedicar a segunda parte da xornada a traballar coas TICs (blogs, chats, taller de escritura….) todos sen excepción estiveron de acordo. Así que temos unha semana sesión presencial, na biblioteca do cole, e a seguinte vía web, a través do chat. Toda unha experiencia, ben, máis para min que para eles, para que enganarnos…

O primeiro libro elixido foi “Cando petan na porta pola noite” de Xavier P. Docampo, e se queredes saber algunhas das súas impresións, só tedes que ir a “O Club do Segrel”.

Na segunda xornada, creamos o “Blog dos Segreis”. Un blog no que eles podan facer os seus comentarios e suxestións de lectura, cine, música, e que lles gusta moitísimo. Primeiro nos habilitamos e logo pasamos a dar os primeiros pasos para publicar entradas, baixar fotos... e a verdade é que estas son as súas ferramentas, gústanlles, polo que están moi motivados e así aprenden todo dun xeito tan natural que non deixa de sorprendernos!

Durante a terceira xornada ademais de falar da obra de Xavier Docampo, que lles gustou moito, eliximos o segundo libro “El alma del bosque” de Manuel López Gallego e que trata o tema da reinserción social. E na segunda parte da sesión dedicámonos a chatear. Cantas risas, que ben o pasamos... Pero todo isto podedes velo nesta pequena presentación.


venres, 18 de xaneiro de 2008

Sueños en el Umbral

Fátima Mernissi
El Aleph Editores, 2003

Cheo de ensoñacións e explicacións que a rapaza recibe como resposta ás súas preguntas de
todas as mulleres que viven con ela e forman parte do “harem”. A nai, a avóa, as tías, primas, cociñeiras… Todas teñen unha visión e unha interpretación do momento que lles está a tocar vivir. Visión dun Marrocos, e dun mundo árabe dende alguén de alí e non dende un occidental.

Diferentes puntos de vista de distintas mulleres sobre a vida, os homes, o amor…

Como chegan e arrasan as culturas occidentais. De que xeito afecta todo isto ao pensamento e a cultura de Fátima e ás mulleres coas que comparte a súa vida cotiá.

El Alma del Bosque

Manuel López Gallego
Editorial Everest, 2007
Premio "Leer es Vivir" 2006

Esta novela xuvenil relata as aventuras dun adolescente delicuente que é condenado por un xuiz a ir a un reformatorio. "O lío comeza cando a policía o deixa só nun bosque. A única axuda que atopa para recapacitar sobre a súa vida será a dun pastor" cóntanos o seu autor. Manuel López explica que a súa intención é que a xente crea que é posible a rehabilitación de quen cae na delincuencia.