xoves, 26 de xuño de 2008

Xornada Clubs de Lectura

Hoxe, os responsables de 104 clubs de lectura creados noutros tantos centros públicos de Galicia, tivemos a oportunidade de xuntarnos na EGAP, en Santiago, para disfrutar dunha xornada dedicada a falar das nosas experiencias de lecturas compartidas con distintos membros da nosa comunidade.

A xornada abriuna Blanca Calvo, directora da
biblioteca pública de Guadalajara e un dos referentes a ter en conta cando se fala de Clubs de Lectura.


"Un club de lectura é unha experiencia para compartir, un estímulo para a sociabilidade"


"Debemos demostrar á xente como sen darse de conta, eles están interesados na lectura"




Blanca falounos das distintas modalidades de clubs de lectura, do perfil do seu coordinador ou coordinadora, dos obxectivos a conseguir, de distintas actividades a desenvolver despois da lectura de cada libro, de como solucionar algúnhas das dificultades que nos podemos atopar.. e contounos a súa experiencia de lectura compartida cun club de lectura italiano.



O encargado de pechala foi Pep Bruno escritor e contacontos que nos enganchou cos seus contos e as súas suxestións de lectura.

Ademáis houbo dúas mesas de experiencias, unha pola mañá, onde se falou dos clubs de lectura para o alumnado, e outra pola tarde dedicada aos clubs de lectura abertos ao resto dos membros da comunidade.

Toda unha experiencia de lecturas compartidas, de propostas de distintas actividades, e de bo facer a cargo dos fantásticos profesionais que se atopan nas nosas Bibliotecas Escolares Galegas.

Canto por aprender, canto por facer... pero estamos no bo camiño!!

Parabéns ás organizadoras.



Actualización (28/06/08)
Tamén en Biblioafonso

martes, 24 de xuño de 2008

Momentos de Lecturas Compartidas

Hoxe queremos compartir con todos e todas vós a nosa experiencia cos Clubs de Lectura "O Segrel".

Unha experiencia que comezou o pasado mes de novembro e que nos trae ata o día de hoxe no que botando a vista atrás vemos un fantástico camiño percorrido cheo de novas experiencias e amizades, de momentos compartidos arredor dos libros, da lectura ...

Unha experiencia que permitiu a un dos membros do club:
"facer sitio no meu tempo - sempre tan escaso de ratos libres- para dedicarme ao pracer de ler"

Unha experiencia na que entre os aspectos máis salientables algúns destacan:
"A iniciativa en si mesma"
"A valentía de levala a cabo"

"Retomar o gusto pola lectura"
"O esforzo que facemos todos para buscar tempo para ler e para reunírmonos"


Entra no noso club e disfruta dalgúns deses momentos de Lectura Compartida.


Preme en Open Publication se queres velo máis ampliado.

xoves, 19 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (II)

Como xa vos explicamos no post anterior, o pasado luns disfrutamos da visita de Fran Alonso.

Velai vai algúns momentos dese encontro tan especial entre rapaces, pais, nais e profes non só co autor e a súa obra senón un encontro cos libros, a lectura e a vida.

Entrade no noso Canal You Tube de Radio Barullo e poderedes disfrutar de tres deses momentos:

Como xurdiu “Cartas de Amor

O momento en que Fran nos conta “Un dos seus Proxectos de Futuro

Algunha das nosas “Experiencias de Lectura Compartida”
Dende aquí queremos agradecer a Fran o comentario no seu blog Cabrafanada sobre a súa visita a “O Segrel do Penedo”

martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (I)

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca



A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.