domingo, 19 de decembro de 2010

El Castillo Ambulante

Diana Wynne Jones

Berenice (2007)


No país de Ingary, onde as botas de sete leguas e as capas de invisibilidade existen de verdade, Sophie Hatter atrae a desagradable atención da Bruxa do Páramo, quen a enfeitiza cun maleficio que a converte nunha vella.

Coa firme determinación de facer o máis axeitado, Sophie viaxa ao único lugar no que cre que poderá atopar axuda, o castelo ambulante que asexa polos outeiros veciños. Pero o castelo pertence ao temible Mago Howl, que se alimenta, segundo se di, dos corazóns de rapazas desprevidas...





Esta, que será a primeira reunión do ano, celebrarémola cunha sesión de "cine palomitas" con esta fantástica adaptación feita por Hayao Miyazaki.

xoves, 2 de decembro de 2010

A Praia dos Afogados

Domingo Villar

Galaxia (2010)

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009

Premio Losada Diéguez de Creación Literaria

Premio Brigada 21 de novela negra


Autor do ano pola revista Fervenzas Literarias




Entrevista a Domingo Villar en Radio Barullo, a nosa Radio Escolar.

Invitámosvos a percorrer os escenarios onde se desenvolve esta fantástica novela guiados, como xa fixemos con "Ollos de auga", por "a lei de Lem" e, por suposto, disfrutade da súa banda sonora coas marabillosas voces de Barbara Bonny e Louis Armstrong, entre outros...


Artistas galegos na novela:
Xosé Telmo Lodeiro
Xavier Pousa

luns, 29 de novembro de 2010

Los Amantes Mariposa

Benjamín Lacombe

Edelvives (2008)

Unha lenda oriental sobre a loita contra o destino duns xoves namorados.

Naoko é unha rapaza que ante a imposibilidade, polo feito de ser muller, de estudar literatura, decide disfrazarse de home para poder realizar o seu soño. O que non sabe é que alí comezará unha marabillosa historia de amor imposible...

Esta lenda inspirou o concerto para violín coñecido como "Concerto para violín Liang Zhu", o nome do protagonista. Trátase dunha obra para violín e orquesta dos compositores chineses He Zhanhao e Chen Gang escrita no ano 1958.

luns, 15 de novembro de 2010

Melodía en la Ciudad

Benjamin Lacombe

Alejandro vive nunha cidade e, como a maioría dos seus habitantes, está destinado a traballar nas fábricas cando sexa maior. Pero un bo día, unha caravana dun circo xitano chega ao lugar e Alejandro escoitará por primeira vez as alegres melodías e ver os bailes e os números de circo. Entre os membros da compañía está Elena, unha nena da súa idade, da que se namora a primeira vista. Xunto cos músicos do circo, Alejandro descubrirá o seu talento nato para tocar a guitarra y, tras un primeiro rexeitamente, a súa familia sentirase orgullosa del gracias aos seus logros.

Non deixedes de entrar na súa páxina, é unha delicia.

E se aínda non disfrutáchedes de "Cuentos Silenciosos" agora tedes a oportunidade, non a desperdiciedes. Nós xa o temos!!

domingo, 24 de outubro de 2010

O Home que Prantaba Árbores


Ilustrador: Jacobo Fernández

Tradutora: Ánxela Gracián

Galaxia (2009)

Un libro que fala da xenerosidade humana sen límites. Do respecto á natureza, da aposta pola vida e do amor á terra e a todo o que dela pode agromar fala esta pequena grande obra mestra da literatura do século XX.



Podedes escoitar a narración gravada en 1993 por Lara López acompañada polo saxo soprano de Paul Winter Consort




Ou ver a curtametraxe dirixida por Frédéric Back pola que gañou un Óscar á mellor curta de animación en 1987


2011 Ano Internacional dos Bosques

Situación dos Bosques no Mundo

luns, 18 de outubro de 2010

Mantis

Mercedes Castro

Alfaguara (2010)

Blog da autora

Teresa agocha segredos nos seus fogóns que conseguen que os seus pratos esperten paixóns, pero, a pesar da súa exitosa carreira como chef, do seu programa de televisión e a súa faceta como revolucionaria escritora de recetarios, non acaba de sentirse satisfeita. Tal vez porque os seus amantes desaparecen sen deixar rastro. Pode que por ese oco de silenzo que ninguén consegue reconstruir no seu pasado.
Para fuxir da soidade, Teresa obrígase a buscar unha alma xemelga que non consigue atopar e, decidica a aplacar a súa voracidade, determina volcarse na cociña, a súa verdadeira obsesión. Nas súas noites marcadas polas lembranzas e o insomnio creará manxares de sabores inesquecibles e imposibles de identificar, tan cheos de misterios como a súa vida, tan rebosantes de enigmas como os ingredientes que ningún ousado ten conseguido descifrar.
Tras un brillante debut coa súa novela “Y punto”, Mercedes Castro sorpréndenos con esta intriga psicolóxica, un conto de fadas envelenado, cheo de humor negro e un perverso sentido do suspense, a historia dunha muller fatal que persegue fuxir do seu destino. Mantis, plena de ironía e tensión, faranos desexar coñecer mellor a Teresa e, non importa que delicia nos serva, sentarnos a comer á súa mesa.

En Radio Barullo podedes escoitar a entrevista que lle realizou Almudena Marcos en RadioFusión a Mercedes Castro con motivo da presentación desta a súa segunda novela.

luns, 11 de outubro de 2010

Aire Negro

Agustín Fernández Paz

Xerais (2000)

White Ravens 2001

Premio de Literatura Protagonista Jove 2001

IBBY Honour List 2002

Trece anos despois de ocorridos os feitos, un ex psiquiatra cóntanos unha experiencia estremecedora coa súa primeira paciente. Imos coñecendo por el e pola voz narradora de Laura Novo a historia da aparición da Gran Besta, un ser monstruoso que habita nunha cova. Confírmase, deste xeito, a mitoloxía do lugar, que tan ben coñece un dos traballadores da casa de turismo rural na que se veu hospedar a protagonista. A vinganza pola intromisión nese territorio alleo corta a nova vida que, coa tranquilidade do espazo idílico e a felicidade do reencontro cun vello amor, busca a anteriormente periodista crítica en Madrid.

Con elementos de novela psicolóxica e de misterio, esta historia de amor imposible é unha auténtica viaxe ao corazón das tebras que transcende as limitacións da idade nas que a sítúa a súa edición nunha colección xuvenil

venres, 25 de xuño de 2010

Despedida do Club de Lectura

O venres 18 de xuño celebramos, como xa é habitual, a nosa despedida do Club de Lectura. E alí, como xa é habitual, estivemos case tod@s.. (Nesta ocasión botamos en falta a Marga, Rosi, Alsira, Isabel e Suso) E, como xa é habitual, ese remate de curso fixémolo compartindo mesa e mantel e, por suposto, risas e lecturas. Esas lecturas que nos seguirán mantendo unidos durante o verán e que serán as que nos reunirán o vindeiro curso.
É que nós, como xa é habitual, sempre nos poñemos "deberes" para as vacacións, que seique non sabemos vivir sen a lectura... Que vos parece a selección?
Estupenda, non si? Pero é que non acaba aquí, porque, como xa é habitual, aos postres sempre chega un fermosísimo agasallo que nunca deixará de emocionarme, e que nunca deixarei de disimular... Nesta ocasión foron dous títulos ben interesantes:
E que podo dicir eu que non sexa agradecer, a tod@s e cada un de vós, eses marabillosos momentos que ano tras ano, e con este xa van tres, pasamos xuntos. Momentos que como di Jose "permítennos disfrutar do que nos fai disfrutar", que segundo María "nos axudan a estresarnos para buscar un momento de relax", para Meren son "momentos nos que compartimos tantas cousas a través dos libros" e para min "un tempo do que xa non podería prescindir por tanto como me aporta"

Grazas a tod@s por "dar vida" ao noso club de lectura.



Esperámosvos en outubro cos deberes feitos.

Ah, e lembrade que o 2 de agosto temos unha cita en O Segrel, que o verán é moi longo e non queremos botarvos moito en falta... Así que xa sabedes, ás 12.00 da mañá do luns día 2, teremos o café preparado.

martes, 15 de xuño de 2010

Xornada Clubs de Lectura

O pasado venres asistimos á Xornada dos Clubs de Lectura celebradas en Santiago, e se só puidésemos utilizar unha palabra para describila esta sería "extraordinaria".

Extraordinaria a xuntanza da tarde do xoves con Cristina e Pilar e as coordinadoras de zonas, e a cena posterior. Ali coñecemos a Ana Tato de Viveiro e Chus Juanatey de Santiago e nos reencontramos con Carmen Suárez de Cambre. Extraordinarias!!

Extraordinaria Ana Mª Margallo quen na mañá do venres nos falou de "Fomento da Lectura" e de "Educación Literaria", de "lectura e xóvenes"

Extraordinaria a xuntanza dos coordinadores e coordinadoras dos Clubs de Lectura da zona de Ferrol onde estiveron con nós Gabriela e Ánxela, asesoras do CFR de Ferrol

Extraordianria a mesa de debate con Pedro Lamas de Caldas, "iESCALDaletras", Luís Gómez de Rois, "As Pintoras Daltónicas", Almudena Platero de Ourense, "As catro esquinas do quinto" e Xosé Manuel Eyré de Monforte.

Extraordinario Benjamín Prado que fixo unha fermosísima loubanza da figura do mediador nas persoas de Rafael Alberti, de Ángel González e do seu admiradísimo profesor Fernando Borlán, -grazas Pilar por ese oportuno exemplar de "Ecuador" que nos permitiu escoitar na súa voz o poema "Días de lluvia"-

Extraordinario "Uxío Novoneyra" fillo que pechou a xornada do mellor xeito posible, lendo poemas do gran Novoneyra (Axiña o teredes en Radio Barullo)

Xa o dixemos, sempre pensamos que é imposible superar o listón que marcan as organizadoras destas xornadas, pero elas, ano tras ano, nos sacan do noso erro.

Velaí tedes o programa, os materiais (entrade como convidados) e unha pequena reportaxe gráfica.



xoves, 10 de xuño de 2010

Rosa Aneiros cos Clubs de Lectura do Segrel

O luns día 7 de xuño celebramos o fin de festa dos clubs de lectura do Segrel cun fantástico encontro con Rosa Aneiros.

É esta unha experiencia que ano tras ano vimos realizando como remate das sesións dos clubs de lectura e, como ides comprobar, cunha extraordinaria aceptación por parte de tod@s @s asistentes.

Cando, hai xa tres anos, comentamos a nosa idea de facer unha reunión conxunta cun autor, naquela ocasión foi con Fran Alonso, e os membros dos clubs de lectura de alumnado e o de pais, nais e profes, houbo algún compañeiro que nos amosou as súas reticencias porque, segundo parecía, aos 15 e 16 anos non nos gusta estar cos nosos pais e nais neste tipo de actividades, que a rapazada non disfrutaría...

Que equivocados estaban os que así falaban! A experiencia non pode ser mellor nen máis positiva. En todas as ocasións son eles, os mozos e mozas, os que piden que se volvan a repetir estas xuntanzas conxuntas.

O encontro con Rosa Aneiros foi inesquecible. Comezaron Jose, un pai, e Laura, alumna, facendo unha estupenda presentación de Rosa. Laura fixo unha breve reseña biográfica e Jose falou do que para el supuxo a lectura de "Sol de inverno". E a partir de aí, e durante máis de tres horas falamos de libros, de lectura, do proceso que se segue para escribir un libro, falamos de "Inverno", analizamos a numeración dos capítulos de "Ás de bolboreta", que era algo que intrigaba moito a algún dos nosos rapaces,... e, por suposto, coñecemos unha miaxiña máis a esta extraordinaria escritora e mellor persona, e así soubemos que...:

"A literatura é todo o que os lectores van conformando a partir do que leron"

"Cando máis aprendo dos libros é cando os comparto"

"Cando remato unha novela os personaxes deixan de ser meus"

"A min o que me dá para escribir historias é vivir"

Velaí tedes algunhas imaxes do que alí aconteceu...



E non podíamos, nin queríamos esquecer o que opinan sobre Rosa Aneiros e esta experiencia conxunta algúns dos asistentes:

Pais, nais e profesorado:


"Poucas veces coñecín a un escritor ou escritora que fora tan asequible como Rosa Aneiros. Agradable, sinxela, comunicativa, clara, concisa, familiar... Dáche a sensación de que a coñeces de sempre, de toda a vida. Encántalle escoitar aos demais e aos demais nos encanta escoitala a ela. Unha auténtica profesional"
Mª Carmen Arnoso

"Hai veces que as verbas escritas dun autor/a fannos imaxinar unha personalidade, unha presenza, un estar, porque -imaxino- en cada obra hai algo de si mesm@s, do seu propio ser, do seu pensamento. Adoitame pasar con es@s escritor@s que te aferran ao libro ata rematares, nos que calquer obriga que te separe das páxinas é un contratempo. Logo, un día, coñécel@s e, como cando ves unha película logo de ler o libro, sintes que non era es@ @ autor/a que ti imaxinaches, e sintes un pouco de mágoa, un "para-que-viría". Con outr@s (Fran Alonso, Agustín, Marilar...) o encontro é fantástico e gozoso.
Con Rosa Aneiros foi fantástico, gozoso e fabuloso. Levou con tanta naturalidade a timideza d@s que alí estabamos para iniciar as preguntas, con tanta prestancia as preguntas d@s rapaces e rapazas, facéndolles atopar por si mesm@s as respostas ao que preguntaban, foi tan sincera nas respostas, que por un intre, escoitándoa falar dos seus personaxes, do seu padriño, das súas primeiras experiencias na escola de Valdoviño, pasoume polo maxín que a Biblioteca do IES se transformara e alí estabamos tod@s, sentad@s polo chan, nas alfombras, nos sofás, tomándonos uns cafés (cacao para menores non acompañad@s), nunha charla de xente que se coñece de hai moito tempo.
O sorriso constante, a naturalidade, as respostas concretas, claras, a falta de présa dunha persoa que non vive disto, que ao día seguinte tería que erguerse cedo para acudir ao seu traballo, o humor... Non sei se se nota que quedei prendada desta persona, porque da escritora xa estaba. Que é desa xente de quen podes decir sen medo a errar que ten calidade humana. E tamén "calidez". Cando vai volver???"

Maribel Serantes

"Foi unha experiencia moi positiva. O saber estar de Rosa Aneiros nos fixo pasar un rato do máis agradable. Cunha soltura propia dunha gran escritora como é, deunos todo tipo de detalles e anécdotas sobre as súas obras, de como as foi elaborando e fixo posibles dende un principio. A familiaridade e atención con que nos tratou foi para min o que máis me chamou a atención. Por sorte, vexo nela un claro exemplo de humildade nunha persoa que dada a súa traxectoria podería considerarse unha celebridade"
Juan José López

"Pasoume o mesmo que con Agustín, se non tivera lido nada dela iría rápidamente a mercar algúnha das súas novelas. Encantoume!"
Inma Rodríguez

Alumnado:

"A actividade levada a cabo no club de lectura gustoume moito porque gracias a Rosa Aneiros todos os compoñentes do Club (nen@s e adultos) aprendimos algo máis desta marabillosa escritora e dos seus libros e tamén dos mellores escritores Galegos
"
Laura López

"Pareceume un bo día no club de lectura xa que veu Rosa Aneiros e deunos ideas para facer as nosas propias historias.
Ademais estivemos xuntos rapaces e adultos!"
Diego López

"Realmente creo que foi unha tarde ben productiva. O ritmo de preguntas foi constante, de maneira que o intercambio de opinións, consellos e pensamentos non se detivo en ningún momento. Ademais, Rosa posuía unha capacidade oral moi fluída, e estiven de acordo en case todo o que ela dicía. Respondeu a todas as preguntas satisfactoriamente."
Roi Gándara

"Rosa Aneiros inspiroume!"
Juan Carlos

Se queredes ver a reportaxe gráfica podedes entrar no noso Álbum Fotográfico ou ver unha presentación de Picassa

Axiña a reportaxe en Radio Barullo e na canle de You Tube do Segrel.

domingo, 23 de maio de 2010

Ás de Bolboreta

Rosa Aneiros


Xerais (2009)

Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de "Ás de bolboreta", a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

"Ás de Bolboreta" foi elixida para a exposición "The White Rabbens 2010"

O luns, 7 de xuño "Encontro dos Clubs de lectura con Rosa Aneiros".

sábado, 1 de maio de 2010

Un Árbol Crece en Brooklyn

Betty Smith

Lumen 2008

Corren os anos vinte do século pasado e descobrimos á pequena Francie Nolan lendo sentada na escaleira antiincendios da súa casa, á sombra dunha árbore que só crece nos barrios máis pobres das grandes cidades.

Pouco a pouco, a mirada da pequena afástase para abarcar á estrafalaria familia Nolan, que malvive nun barrio de Brooklyn. Coñeceremos así aos seus pais, ao seu irmá e á entrañable tía Sissy, que usa aos homes para aplacar os seus instintos maternais.

Francie crece rodeada de libros que tanto lle gustan e axiña comeza a preguntar e a pedirlle á vida algo máis que un triste acomodo á mediocridade. Desas fermosas e teimudas gañas de saber nace "Un árbol crece en Brooklyn", unha novela onde calquera detalle da vida doméstica revela un mundo feito de apostas e desexos, onde os personaxes son tan próximos que nos doen as súas dores e onde o soño americano cobra finalmente peso e cor.


Trailer da película "A tree grows in Brooklyn" (1945), a primeira de Elia Kazán como director.

A ilustración da Cuberta é de Norman Rockwell ("Moza ante o espello") un extraordinario ilustrador norteamericano que non debedes deixar de coñecer, se é que aínda non tivéchedes o placer de disfrutar das súas obras cheas de ironía. Velaí tedes unha pequena mostra do seu traballo...



Created with Admarket's flickrSLiDR.

venres, 23 de abril de 2010

Chamando ás Portas do Ceo

Jordi Sierra i Fabra

Rodeira (2006)


Silvia, estudante de Medicina, marcha á India para traballar como cooperante durante o verán nun hospital situado nun perdido lugar do mundo. Ao facelo, enfrontáse cos seus pais e co seu noivo, e toma así, seguindo o seu instinto e o seu corazón, unha decisión que cambiará a súa vida e a súa forma de pensar. Na India coñecerá a dor e o sufrimento dos que non teñen nada, pero tamén a alegría e a paz da súa conciencia, e vivirá a cabalo non de dous, senón de tres mundos: por un lado Arturo, que a espera en España; por outro Leo, o médico, cooperante coma ela, capaz de renunciar a todo por estar alí; e, finalmente, Mahendra, o hindú que garda o máis doloroso dos segredos e que a introducirá nun novo horizonte sen fronteiras.

luns, 19 de abril de 2010

El Lector

Bernhard Schlink

Anagrama (2000)

Michael Berg ten quince anos. Un día, de regreso á casa do colexio, comeza a sentirse mal e unha Hanna, unha muller de trinta e seis anos, axúdao. Pasadas unhas semanas, o rapaz, agradecido, lévalle á casa un ramo de flores. Este será o comezo dunha relación erótica na que, antes de amarse, ela sempre lle pide a Michael que lle lea en voz alta fragmentos de Schiller, Goethe, Tolstói, Dickens... Un ritual que se repite durante varios meses, ata que un día Hanna desaparece sen deixar rastro algún. Sete anos despois, Michael, estudante de Dereito acude ao xuizo contra cinco mulleres acusadas de criminais de guerra nazis e de ser as responsabeis da morte de varias persoas no campo de concentración do que eran gardianas. Unha das acusadas é Hanna. Michael debátese entre as gratas lembranzas e a sede de xustiza, trata de comprender que foi o que levou a Hanna a cometer tales atrocidades, trata de descubrir quen é en realidade a muller á que amou...

Bernhard Schlink escribe unha deslumbrante novela sobre o amor, o horror e a piedade; sobre as feridas abertas da historia; sobre unha xeración de alemáns perseguida por un pasado que non viviron directamente, pero cuxas sombras caen sobre eles.


Dirixida por Stephen Daldry

Interpretada por Kate Winslet e Ralph Fiennes

luns, 8 de marzo de 2010

O Club do Segrel Lendo Mulleres

Iso exactamente foi o que fixemos mañá e tarde, ler textos escritos por mulleres.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dende "O Segrel do Penedo" quixemos poñer o noso gran de area nesta tarefa común de facer deste un mundo mellor e máis xusto para tod@s.

Pola mañá, durante o recreo, organizouse unha actividade que cada día ten máis adeptos "Música e Poesía". Nesta ocasión aos participantes, profesorado e alumnado de todos os cursos, que estiveron acompañados por Serafín Santamariña de 1º de ESO, que tocou varias pezas(1) co seu acordeón, só se lles pediu que leran textos escritos por mulleres e así o fixeron, incluso unha profe, Mª Carmen Arnoso e unha alumna, Sara Sabín, leron dous fermosos textos escritos por elas.

E pola tarde, día de reunión do Club de Lectura de pais, nais e profesorado, decidimos participar na iniciativa "Fene lendo Mulleres" que a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade está a desenvolver dende hai xa 10 anos e cunha grande participación por parte de veciños e amigos do concello.

Velaí tedes algúns dos poemas, textos e artigos de opinión que cada un de nós, e por motivos moi diversos, elixiu para este día.


Foi unha marabillosa xornada na que, do mellor xeito que sabemos, a través da música e a lectura, seguimos a facer ese camiño pola igualdade e o respecto aos demais.


(1) Actualización 12/03/10

"A cidade asulagada": Tradicional (Arranxos de Bieito Romero)
"O valse do vello fidalgo": Xosé Lois Romero Cajigal
"O Valse de Arousa": Tradicional (Arranxos de Rodrigo Romani)
"Escenas medievales": Tito Marcos

domingo, 7 de marzo de 2010

Sol de Inverno

Rosa Aneiros

Xerais (2009)

Sol de Inverno a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009 , é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes.

Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

Non deixedes de disfrutar do emocionante discurso que o noso admirado Agustín Fernández Paz pronunciou nos XXVI Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela)

"Oito doas para San Simón" en
Radio Barullo


O Segrel do Penedo
Pequena reportaxe en O Segrel da Presentación de "Sol de Inverno" na Galería Sargadelos de Ferrol.
"O 7 de Xuño os membros dos dous Clubs de Lectura de O Segrel celebraremos un Encontro con Rosa Aneiros. Fantástico fin de curso!!"

luns, 25 de xaneiro de 2010

O Diario da Outra Maniática

Ann McPherson

Aidan Macfarlane


Xerais (2001)

Susie, unha rapaza de 16 anos, escribe o seu diario íntimo, seguindo ó seu irmán Peter Payne, autor do Novo diario dun xove maniático. Desde o seu punto de vista feminino, Susie escribe sobre o sexo, o amor, anorexia, febres glandulares, depresión, morte, SIDA, dietas, exames, anticoncepción, divorcio, vermes, estrés, piollos e moitas cousas máis. No diario inclúe recortes, folletos, cartas e fragmentos de xornais e revistas sobre problemas que lle preocupan, anotacións das aventuras de Pete e doutros acontecementos, bos e malos, da súa vida familiar.

domingo, 17 de xaneiro de 2010

Cometas en el Cielo

Khaled Hosseini

Salamandra (2003)

Sobre o telón de fondo dun Afganistán respectuoso coas súas ricas tradicións ancestrais, a vida en Kabul durante o inverno de 1975 desenvólvese con toda a intesidade, a puxanza e o colorido dunha cidade confiada no seu futuro e ignorante do que se lle aveciña nun dos periodos máis cruentos que teñen padecido os milenarios pobos que a habitan.

Con apenas doce anos, Amir proponse gañar a competición anual de cometas da maneira que sexa, incluso a costa do seu inseparable Hassan, un "hazara" de crase inferior que é o seu servinte e compañeiro de xogos dende a súa máis tenra infancia.

Deste xeito, obsesionado por demostrarlle ao seu pai que xa é todo un home, Amir poñerá en perigo unha amizade fraguada ao longo de anos de enfrontarse a todos os perigos inimaxinables e aprenderá unha verdade que lle acompañará o resto da súa vida.


Nesta ocasión, celebraremos a primeira sesión do club de lectura de pais, nais e profes neste "Ano do libro e a lectura" cunha sesión de "Cine palomitas"

Entrevista ao autor e o director de "Cometas en el Cielo"

venres, 8 de xaneiro de 2010

Delicioso Suicidio en Grupo

Arto Paasilinna

Ed. Anagrama (2007)

Milleiros de finlandeses lánzanse cada ano por un precipicio ou inhalan dióxido de carbono do tubo de escape. Precisamente o día da San Xoán, a festa de comezo de verán, Onni Rellonen, un empresario en crise, decide poñer fin á súa vida. Pero xusto cando atopa un graneiro afastado, uns ruídos o deteñen. Onni salva a outro visitante do graneiro, o coronel Kemppainen, un viúvo que tiña decidido matarse ese mesmo día. Ámbolos dous renuncian ao común propósito e comezan a falar sobre os motivos que os impulsaban. Toman unha sauna, beben coñac e comezan a tutearse, ata que se renden ante a evidencia: existes un gran número de candidatos ao suicidio. Nace deste xeito unha longa amizade e a idea de fundar unha asociación de "aspirantes a suicida". Así, trinta e tres compañeiros deciden partir, nun flamante autocar, en busca dun suicidio colectivo digno: cruzarán Europa ata atopar o mellor acantilado dende o que lanzarse deliciosamente ao baleiro.

Entrevista ao autor en "El País"