lunes, 17 de diciembre de 2007

O Club de Lectura dos Segreis Máis Novos!!

Hoxe tivemos a primeira reunión do Club de lectura do Segrel dos Segreis máis novos, 12 mozos e mozas da ESO. Xuntámonos na biblioteca durante case tres horas. Vaia tarde!!!!

Na primeira xuntanza, hai xa un mes, eliximos como primeiro libro "El alma del bosque", pero por problemas coa distribución, e despois de esperar moitos días, decidimos comezar polo que quedara en segundo lugar "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo. Non estabamos dispostos a esperar ata o próximo ano...

Decidimos dividir cada sesión en dúas partes.

Na primeira, falaremos sobre a novela elixida, que por certo esta primeira xornada foi toda unha experiencia. Os comentarios tan acertados dos rapaces, as súas ganas de participar, o xeito de escoitar o que os outros tiñan que dicir... Como se notaba que o que estabamos a facer os tiña engaiolados!!

Durante a segunda parte traballaremos coas novas tecnoloxías. Hoxe xa fixemos comentarios no blog do Club de lectura e estreamos O Blog dos Segreis, un blog que nace coa idea de ser un punto de encontro para o noso alumnado no que poder facer os seus comentarios, as súas suxestións de lectura, cine, música... Un espazo para debater, compartir, colaborar, en definitiva, para aprender. E tanto que aprenderon!!

Algúns deles xa fixeron as súas suxestións de lectura. Todas as entradas son obra súa... Que xeito de aprender!!! Nun momento xa sabían baixar imaxes, enlazar páxinas, modificar cores, textos, etiquetar os posts... Cando nos dimos de conta xa rematara a tarde.... meu deus, a piques estiveron de perder o autobús!!!

Canto disfrutamos falando de contos, de libros... Fixemos planes para o ano que ven!! O primeiro día que nos xuntemos, o luns 14, traeremos cada un de nós un conto que contaremos ao resto. Haberá que falar con avós, pais, veciños... e ver que atopamos. "Se son de medo, teremos que ambientar a biblioteca" foi unha das súas propostas. Así o faremos.

Rapaces, o próximo ano teremos algunha historia que contar!!!

sábado, 15 de diciembre de 2007

O Capitán Lobo Negro

Editorial Galaxia
Premio de la Crítica 1995
Catorce historias nas que se entremesturan a partes iguais, o terror, o absurdo, a anguria, a soidade, máis tamén o poder do amor, a amizade, os valores da lealdade, da dignidade, da tan humana tenrura. E todo adubiado cunha prosa moi rica, onde cada secuencia pide outra.

Ese é o segredo agochado nestas catorce historias reunidas en O capitán Lobo Negro, polo que Xesús M. Valcárcel recibiu en 1995 o Premio da Crítica.

domingo, 15 de abril de 2007

USHA

María Reimóndez
Xerais, Vigo 2006
Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnata, na India. A rapaza galega, que acompañaba a súa nai, membro dunha ONG, rememora a vida cotián da súa escola india. Alí amigou con Lakshmi e Deepak, aprendeu canarés, coñeceu novos costumes e lendas, enfrontouse con dificultades imprevistas e, sobre todo, cunha nova visión da vida, ata entón, descoñecida para ela. Usha aprendeu na India que alí o seu nome significa a primeira luz do mencer. Nunca o esquecerá. Usha, novela escrita por María Reimóndez e ilustrada por Ivñan Sende, é un portelo aberto para que os lectores galegos mozos poidan enchouparse da cultura e da visión da vida dunha comunidade popular da India. Unha novela emocionante que interroga e interesa ao lector sobre unha realidade cultural que a maior parte descoñece.