martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura do Segrel (I)

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca



A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.

Ningún comentario: