domingo, 23 de maio de 2010

Ás de Bolboreta

Rosa Aneiros


Xerais (2009)

Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de "Ás de bolboreta", a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

"Ás de Bolboreta" foi elixida para a exposición "The White Rabbens 2010"

O luns, 7 de xuño "Encontro dos Clubs de lectura con Rosa Aneiros".

5 comentarios:

966 dixo...

Pareceume un libro cun estilo narrativo se cadra demasiado natural. Polo resto está ben, inda que ó principio a lectura pode facerse algo pesada. Hai que ter paciencia.
De todas maneiras, sempre son interesantes as diferentes historias que coinciden nun nexo común.

Anónimo dixo...

Este libro pode parecer un pouco enrevesado ao principio, pero basta con ler unhas cantas páxinas mais pra que che acabe gustando.

Gústame moito este libro, porque cada personaxe ten os seus problemas, sentimentos...etc
Ademais, os personaxes teñen afeccións realmente humanas.

O recomendo pra aqueles que poidan darlle unha oportunidade ao libro aínda que lles pareza aburrido ao principio.

Javier Trigo dixo...

Este libro ao principio é un pouco aburrido pero polo medio esta ben.
A parte que máis me gustou é cando conta a historia dun árabe. Eu recomendo este libro a toda a xente.

Laura López dixo...

Este libro trata sobre as diferentes culturas que temos no noso páís.
A historia vai acerca duns rapaces e rapazas que teñen unha cousa en común: todos eles proveñen de países moi afastados, e o bar Luzada é o punto de encontro entre todas estas persoas que teñen moito máis do que pensan en común.

Rosi Rivera dixo...

Có permiso dos comentaristas,a min gustoume moito,precisamente pola súa simplicidade,porque podes recoñecer a xente que te rodea todos os días neses clientes do bar,e porque a VIDA está chea de vidas que apoian,rexeitan,lastiman e fan posible coller forzas para empezar un novo día.