venres, 10 de xuño de 2016

El Hombre Mojado no Teme la LLuvia


Debate (2010)

Dicía Lorca que “debaixo das multiplicacións hai unha gota de sangue”. Neste libro, Olga Rodríguez amósanos o sangue e a vida que flúen polas rúas de Oriente Medio e que rara vez conseguen asomar tras dos grandes titulares ou as estatísticas.

Cunha sinxeleza limpa de prexuízos e unha humanidade pouco habitual, a autora achéganos a esta conflitiva rexión a traveso dos seus habitantes, homes e mulleres aparentemente comúns cuxas vidas conforman sen querelo a Historia con maiúsculas. Ler este libro é coñecer a Yamila e Minal, que foron torturadas no Irak ocupado; achegarse aos Elhanan, unha familia xudía de Xerusalén  que perdeu á súa filla nun atentado suicida; escoitar a Ibrahim, que viu morrer aos seus amigos en execucións extraxudiciais israelís e viviu o encerro na igrexa da Natividade de Belén; entrar na tenda de campaña dun refuxiado afgán, exiliado no seu propio país; ou suar co esforzo de Ka-reem, un sindicalista pruriempregado exipcio que non renuncia a soñar mentres traballa todas as horas do reloxo.


Na mellor tradición do que unha vez foi o xornalismo, a posibilidade real de coñecer o mundo a traveso das súas xentes sendo testemuña directa do que se narra, este libro é imprescindible para entender unha rexión que se converteu xa no centro da disputa dos grandes conflitos deste novo século.

Ningún comentario: