domingo, 7 de xuño de 2009

Xornada Clubs de Lectura


O pasado venres día 5 os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura de centros públicos asistimos á "Xornada dos Clubs de Lectura" en Santiago. Un día ben intenso e que necesita dun tempo para a reflexión de tanto como alí poidemos escoitar e aprender.

As xornadas, inauguradas polo subdirector xeral Carlos Encisa, comezaron coa conferencia de Mireia Manresa que nos falou sobre "Os hábitos de lectura como punto de partida para a formación de lectores". Facendo especial fincapé na necesidade de reflexionar sobre a programación de actividades de lectura e que estas estean ben fundamentadas.

"O primeiro paso para a formación lectora consiste en ler moitos libros e diversos"

"O lector na adolescencia vaise quedando só fronte a lectura"

"En cantos institutos de España o libro é unha realidade cotiá nas aulas?"

Despois do tempo do café, imprescindible para a conversa coas amizades de sempre, para facer outras novas, o intercambio de ideas, a presentación de materiais,... asistimos á conferencia de Rosa Aneiros que nos falou da súa experiencia como escritora pero sobre todo do aprendido nos numerosos encontros cos seus lectores. Que xeito de transmitir o seu amor polos libros e a lectura!.

"O importante non é o que contas, o importante é o que comunicas"

"Lemos o que queremos ler, en función das nosas vivencias, da nosa propia vida"

"Hai que ser moi permeables ás necesidades dos rapaces"

"A literatura é xogo de espectativas, xogo de ilusións"

A tarde comezou cunha Mesa de Experiencias na que catro responsables de clubs de lectura de centros de ensino secundario, o IES A Sardiñeira, Trafegando Ronseis, IES de Foz e As catro esquinas do quinto nos falaron do seu magnífico labor en prol da lectura.

A clausura das Xornadas correu a cargo de Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana que nos presentaron a iniciativa "Ler Juntos", un programa de educación literaria no que participan familias, escola e biblioteca pública e que veñen desenvolvendo dende 1993 en Ballobar (Huesca)

"O paraugas da lectura cuida do corazón e da cabeza"

"O modelo adulto lector (pais, profesorado...) é moi escaso"

"A lectura crece nunha rede de afectos: contaxios"

E como sorpresa, para o remate da xornada estivo connosco o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín que nos fixo rir e moito coas súas historia de amor, o conto do "Bobo" non tal, e as anécdotas das cereixas, as mazás, o queixo da verza... Un fin de festa divertidísimo para unha Xornada magnífica na que, como sempre, a organización foi inmellorable.

Agora toca reflexionar e sacar as conclusións que nos axudarán a seguir crecendo e facendo camiño nesta fermosa andaina de acompañamento aos nosos rapaces na súa formación lectora.

Velaí algunhas fotos da Xornada.

Ningún comentario: