mércores, 29 de xuño de 2011

Despedida do Club de lectura



No club dos adultos a elección das obras foi todo un éxito, todas, coa excepción de “Settecento”, onde nos atopamos cun grupiño ao que lles custou rematar a novela, pola riqueza do seu vocabulario, e “Mantis” polo diferente do seu plantexamento, o resto, dende Muriel Barbery, ata Domingo Villar, en castelán ou galego, de temáticas e estilos moi diferentes -novela negra, outras culturas, outras épocas, as relacións interpersoais, a nosa guerra “in-civil", a emigración...– todas as lecturas deron lugar a unhas reunións onde o debate, as anécdotas, as experiencias persoais... fixeron posible que entre todos e todas nós xurdira unha confianza e unha complicidade tal que o ambiente que se respirou en todas as xuntanzas foi sempre moi distendido e agradable, de verdadeira amizade. E este bo ambiente o que pide é un remate de curso cunha boa celebración. A comida de Fin de Curso á que non puideron asistir, e botamos ben en falta, Mª Carmen, Suso, David, Cristina, Rosi, Isabel e Inma.

Despedida na que non faltou un pequeno agasallo para cada un deles; un bolsa da Biblioteca “O Segrel do Penedo", Caderno de notas do Club de Lectura, un bolígrafo “O Segrel do Penedo” e un Marcapáxinas. E, como xa é tradicional, os “deberes” para o vindeiro curso. Que non queremos que este verán abandonen unha das súas paixóns...


Os títulos elixidos son, na súa maioría, algún dos nosos clásicos que ninguén debería perderse:
· Neira Vilas, Xosé: Memorias dun neno labrego
· Dieste, Rafael : Dos arquivos do trasno
· Martín, Paco : Das cousas de Ramón Lamote
· Rosnay, Tatiana de : La llave de Sarah
· Roger, Marie Sabine : Tardes con Margueritte
· García Márquez, Gabriel: Cien años de soledad
· Méndez Ferrín, Xosé Luis: Arraianos
· Blanco Amor, Eduardo: A esmorga
· Cunqueiro, Álvaro: Merlín e familia
· Rivas, Manuel : Todo é Silencio
· Navarro, Julia : Dime quien soy
· Castelao: Cousas
· Casares, Carlos : Ilustrísima



Cada un dos membros do club levou tres títulos que o 27 de xullo, ás 12 da mañá, en O Segrel, e arredor dun bo café, intercambiaremos, co fin de que cando chegue o primeiro trimestre do curso todos teñamos lidos tres ou catro deses títulos. Un xeito de seguir, aínda que na distancia, compartindo lecturas no verán que poñeremos en común no inverno.
A comida rematou cun fermoso agasallo, que nunca deixa de emocionarnos. Nesta ocasión foi un precioso ramo de flores e un marabilloso caderno de notas que xa estrearon cunhas fermosísimas e agarimosas dedicatorias.


Graciñas por permitirme seguir aprendendo e compartindo unha das miñas paixóns con todas e todos vós. Ata o 27 !!



Ningún comentario: