domingo, 2 de outubro de 2011

Rosa Aneiros ou O Eloxio dos Clubs de Lectura

"Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos Pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Fene? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis..."


Este é un estracto do pregón co que Rosa Aneiros inaugurou a Feira do Libro de Ferrol o pasado mes de Abril.

E que mellor xeito de comezar a nosa andaina lectora que lembrando as palabras desta extraordinaria escritora con quen tivemos a fortuna de celebrar un dos fins de festa dos Clubs do Segrel

Non deixedes de disfrutar coa lectura deste marabilloso pregón!!

2 comentarios:

DERSU dixo...

Boa sorte nesta nova edición do clube. Este ano non poderei asistir xa que mudou o meu horario laboral e non podo librar ningún día. Seguireivos a través do blog e tamén coas lecturas escollidas para este ano (gustánme todas). Un bico.

Loly dixo...

Mágoa "Dersu" porque imos botarte en falta... Ti e Jose sodes os "socios fundadores" e xa chegamos á cuarta edición... pero tómoche a palabra e esperamos tamén as túas suxestións. Así que xa sabes, como Rosi dende A Coruña, ti tamén serás membro virtual do Club do Segrel.
Apertas lectoras!!