Galaxia
A Esmorga foi a primeira obra narrativa en idioma galego que publicou Blanco-Amor, i é, xa que logo, unha das máis singulares da literatura galega dos nosos días. Nela, con independencia da riqueza técnica, destácase a riqueza da linguaxe, o humor que caracteriza grande parte da obra do autor, e un mundo de picaresca que se ten realidade nas vilas e cidades de Galicia, non tivo deica a aparición deste libro expresión literaria. Pódese dicir que A Esmorga é, en verdade, a primeira narrativa da picaresca galega, feita co ár trouleiro que se axeita ao temperamento do pobo, retranqueiro e ledo. É a obra máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que
publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura
franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas
peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos
arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou
desde a distancia o seu Ourense natal.
A esmorga é unha novela na que alcanzan especial brillo as
virtudes de Blanco Amor como escritor. A súa sorprendente potencia
lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que
desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do
que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida
fermosa e mellor.
Sobre esta novela escribiu o filólogo portugués, Profesor Rodrigues Lapa: "É unha novela estraña e poderosa, cuxos personaxes recórtanse, fortes e palpables, no escenario da vella Auria, falando un idioma de excelente sabor popular. Nada lle falta pra que poida ser considerada como unha pequena obra mestra"
Ruta da Esmorga
Ningún comentario:
Publicar un comentario